A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse con representantes da entidade
A Xunta e o grupo enerxético Engie coinciden na importancia de desbloquear o desenvolvemento eólico en Galicia para avanzar cara á descarbonización
Ángeles Vázquez incidiu na importancia que teñen os proxectos eólicos para afrontar o cambio climático e, de feito, a Unión Europea considera que estes proxectos son de interese público superior no camiño cara á neutralidade climática
Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2025
A Xunta e o grupo enerxético Engie coincidiron hoxe na importancia de desbloquear o desenvolvemento eólico en Galicia para avanzar cara á descarbonización.
Durante unha reunión que mantiveron hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e representantes deste grupo enerxético, analizaron a situación actual do sector eólico na Comunidade así como o estado dos proxectos que Engie ten en Galicia.
Nese senso, cómpre indicar que na actualidade Engie ten xa en marcha un parque eólico en Mondoñedo de 50 megavatios (MV) e outros cinco proxectos en diferente fase de tramitación nas provincias de Ourense e Pontevedra, con 132 MV en total e unha previsión de investimento de 150 millóns de euros.
No encontro avaliaron tamén o estado actual do desenvolvemento das enerxías renovables en Galicia. Nesa liña, incidiron na importancia que teñen os proxectos eólicos para afrontar o cambio climático e, de feito, a Unión Europea considera que estas iniciativas empresariais son de interese público superior no camiño cara á descarbonización e á neutralidade climática.
A conselleira lembrou que a Xunta, ao igual que o Goberno central, xa se presentou como parte interesada ante o Tribunal de Xustiza da UE en defensa da lei estatal de avaliación ambiental. E, ademais, engadiu que a semana pasada solicitou ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a rectificación do visor que considera o 100% do territorio galego como sensible á implantación de proxectos eólicos.
Nesa liña, Ángeles Vázquez explicou que a función desa zonificación é meramente orientativa, pero o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) está a facer unha mala interpretación e utilízaa como argumento para suspender a autorización ambiental outorgada pola Administración autonómica.