A Xunta achega 22.400 euros para mellorar accesos en Teibilide, no concello de Samos
O delegado territorial, Javier Arias, explica que a Consellería do Medio Rural aportou fondos con cargo ás axudas para acondicionar camiños municipais en zonas de concentración parcelaria
Samos (Lugo), 18 de febreiro de 2025
A Consellería do Medio Rural achegou 22.400 euros para rehabilitar accesos en Teibilide, no concello de Samos, con cargo á orde de axudas para acondicionar camiños municipais en zonas de concentración parcelaria.
O delegado territorial Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado dos traballos, que consistiron na reparación dunha vía de aproximadamente un quilómetro de lonxitude.
As actuacións centráronse na mellora do pavimento, para o que se acondicionou a base e posteriormente estendeuse unha nova capa de rodaxe mediante un triplo rego asfáltico.
O obxectivo destas axudas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), é mellorar as vías de acceso rurais naquelas zonas de concentración ou reestruturación parcelaria que xa estean rematadas.
O Goberno galego lanzou por primeira vez esta convocatoria co fin de contribuír á cohesión social e territorial nos núcleos rurais. Ademais, o bo estado dos accesos nestas zonas favorece a competitividade agraria e forestal, segundo destacou o delegado.