A Xunta inicia hoxe un proceso participativo para elaborar a futura Lei de educación dixital de Galicia
A Consellería de Educación abre no Portal de Transparencia o procedemento de consulta pública previa co fin de recibir achegas da cidadanía ata o 10 de marzo
Reúnese, ademais, con representantes das asociacións de nais e pais para coñecer a súas propostas, primeira cita dunha rolda de encontros coa comunidade escolar
O texto, inédito ata o de agora a nivel estatal e europeo, regulará desde 2026 os dereitos e deberes da nova realidade dixital para blindar a calidade e equidade
Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2025
O Goberno galego arranca hoxe o proceso de elaboración da futura Lei de educación dixital de Galicia, a primeira a nivel estatal e europeo neste eido. Co obxectivo de dialogar e incorporar propostas de toda a comunidade educativa, este mércores ábrese no Portal de Transparencia o procedemento de consulta pública previa co fin de recibir achegas por parte de calquera persoa, que dispón de prazo ata o próximo día 10 de marzo para facelo. Ademais, a Consellería de Educación, Ciencia, FP e Universidades reúnese esta tarde con representantes das asociacións de nais e pais, primeira xuntanza dunha ampla ronda de encontros.
No reunión participan o secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, co obxectivo de compartir coas anpas o obxectivo desta norma pioneira: regular os dereitos e deberes dos membros da comunidade educativa -administracións públicas, centros, docentes, alumnos e familias- ante os novos retos de transformación social que inciden no ensino.
O texto, cuxo calendario de elaboración e tramitación aspira a que estea aprobada en 2026, recollerá cuestións como a regulación da comunicación dixital entre docentes e alumnos fóra do horario lectivo, o aproveitamento responsable da intelixencia artificial, as condutas contrarias á convivencia no eido dixital ou a gravación de clases.
Trátase de proporcionar aos estudantes as ferramentas necesarias para que saiban manexarse a nivel persoal e profesional nestas contornas. Ademais, farase especial fincapé en aspectos como o benestar dixital, a privacidade e a protección de datos, o dereito á identidade dixital e á intimidade e a accesibilidade universal. Neste senso, a Xunta anima a realizar achegas para construír así un texto solvente e rigoroso.
A intelixencia artificial como oportunidade
O novo texto blindará a calidade e a igualdade de oportunidades, polo que abranguerá o conxunto do ecosistema STEM no seu sentido máis amplo, o que vai moito máis aló do uso de pantallas e dispositivos electrónicos. Inclúense os principios e habilidades da ciencia e as matemáticas na resolución de retos, o pensamento computacional, as competencias dixitais ou as oportunidades derivadas da intelixencia artificial.
Para iso traballaranse aspectos como a redución da fenda dixital, o control dos riscos asociados ás contornas tecnolóxicas e dixitais, a calidade, equidade e inclusión educativa, o desenvolvemento do potencial de novas metodoloxías de aprendizaxe nun modelo híbrido, onde o papel e os métodos asociados continúa tendo un papel relevante, e a garantía dos dereitos e liberdades dos integrantes da comunidade educativa.
A iniciativa parte da experiencia da pandemia, cando se identificaron necesidades de regular cuestións sobre o uso de ferramentas dixitais na contorna educativa.