A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participou na presentación do mercado circular do Tinglado, en Ferrol

A Xunta anima á cidadanía a mercar de xeito responsable, apostar pola reciclaxe e minimizar a xeración de residuos

Ángeles Vázquez explica que os vindeiros 15 e 16 de marzo o Tinglado de Ferrol se converterá nun mercado circular no que a cidadanía poderá vender e mercar todo tipo de obxectos e darlles unha segunda vida

Un total de 30 particulares terán á súa disposición expositores nos que poderán vender os seus produtos ao público entre as 10,00 e as 14,00 horas e entre as 16,00 e as 20,00 horas

Ferrol, 19 de febreiro de 2025

A Xunta de Galicia anima á cidadanía a realizar as súas compras de xeito responsable, apostando pola reciclaxe e por opcións que minimicen a xeración de residuos. Así o destacou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a presentación do mercado circular do Tinglado, en Ferrol, onde destacou a importancia de darlle unha segunda vida a produtos que están en perfectas condicións para ser usados.

Esta segunda edición do Tinglado, trala organizada o pasado Nadal na cidade de Vigo, celebrarase os días 15 e 16 de marzo na sala de Curuxeiras da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, onde a cidadanía terá a oportunidade de vender e mercar todo tipo de produtos -como roupa, libros, xoguetes, artigos de fogar e de decoración- para darlles un segundo uso a eses obxectos.

Nese senso, a responsable autonómica avogou por seguir dando pasos para reducir os residuos que se xeran, cambiar a forma de consumir e apostar por produtos de calidade que duren no tempo e poidan ter moitas vidas, incluso pasando por diferentes mans. Para iso, destacou a importancia de iniciativas coma esta, que permitirá que ata 30 particulares teñan á súa disposición expositores de catro metros cadrados co mobiliario necesario para expoñer os artigos que desexen vender. O horario de venda ao público será de 10,00 h. a 14,00 h. e de 16,00 h. a 20,00 h.

Os particulares interesados en participar neste mercado circular poden inscribirse de balde desde hoxe ata o vindeiro 5 de marzo na web do Tinglado. A adxudicación de espazos realizarase por rigorosa orde de recepción dos formularios.

Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, agradeceu ao Concello de Ferrol e á Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao a colaboración para poder celebrar este evento e confiou en que repita o éxito do organizado en Vigo. Nesa edición de Nadal participaron vendedores de toda Galicia e houbo unha importante afluencia de xente interesada en adquirir produtos de segunda man de boa calidade.

Plan de residuos municipais

Esta actuación enmárcase no Plan sectorial de xestión de residuos municipais de Galicia 2030, co que a Xunta busca implicar ás entidades locais na implantación dun modelo circular que contribúa a cumprir coas exixencias normativas en materia de residuos. Con este plan o Goberno galego aspira a reducir en 2030 un 15% a xeración de refugallos respecto a 2010, un 50% os residuos alimentarios por persoa na venda retallista e aos consumidores e un 20% as perdas de alimentos ao longo das cadeas de produción e subministración.

Nesa liña, a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático salientou que, co anterior plan, entre outros aspectos, Galicia reduciu máis dun 5% a produción de residuos e os refugallos enviados a vertedoiro descenderon case un 37%, co que a comunidade se sitúa por debaixo da media estatal e máis próxima á media europea.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/02/2025