A Xunta activa a alerta laranxa para mañá por temporal costeiro no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra
Incídese na importancia de seguir as medidas de protección e de extremar as precaucións, e aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese
Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, o Goberno galego informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros
Suspéndese a actividade a deportiva federada no mar nos concellos afectados
Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2025
A Xunta vén de activar para mañá a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra. Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Por este motivo, a Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes anunciou tamén a suspensión da actividade deportiva federada no mar todo o día de mañá nos concellos afectados por este temporal costeiro.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde a próxima medianoite no noroeste e oeste da Coruña, estendéndose a primeiras horas da mañá ao suroeste da costa coruñesa e ao litoral de Pontevedra por ventos do sur ou suroeste de ata forza 9 e mar combinada do oeste ou suroeste con ondas de ata seis metros. Na Mariña lucense o nivel de aviso será amarelo.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións. Ademais, sinálase a importancia de retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e fiestras, e evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, de árbores, de paneis publicitarios e de obxectos susceptibles de desprazarse con vento.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.