Medio Rural pon en valor axudas para a incorporación de mozos e novas persoas agricultoras ao agro no marco da feira Cimag-Gandagro

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, participou hoxe na inauguración da “Xornada formativa e informativa para a incorporación de mozos e novos agricultores ao rural”

Destacou que a última convocatoria destas axudas permitiu beneficiar a máis de 450 persoas cun investimento de preto de 17 millóns de euros, co obxectivo de favorecer a remuda xeracional dentro do sector

Nesta materia, a Consellería do Medio Rural vén de activar o Banco de Explotacións, co que se busca poñer en contacto a propietarios das explotacións gandeiras que van cesar a súa actividade con persoas interesadas en continuala

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria tamén está presente neste evento cunha aula de “Experiencias de Calidade” na que se desenvolverán catro actividades diarias de cociña en directo con degustación de produtos

Silleda (Pontevedra), 20 de febreiro de 2025

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, participou hoxe na inauguración da “Xornada formativa e informativa para a incorporación de mozos e novos agricultores ao rural”, celebrada no marco da V edición da Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandaría, “Abanca Cimag – Gandagro”, que está a ter lugar en Silleda desde hoxe ata o sábado, 22 de febreiro.

No inicio desta xornada, promovida pola Consellería do Medio Rural, o director xeral puxo en valor as axudas concedidas por este departamento en materia de incorporación tanto de mozos como de novos agricultores -persoas de entre 41 e 55 anos- ao sector, así como os plans de mellora para explotacións. Neste sentido, resaltou que na convocatoria de 2024 se concederon axudas por valor de 45,9 millóns de euros, dos cales preto de 17 millóns de euros se destinaron concretamente á remuda xeracional no agro.

Ademais, o director xeral precisou que a través desta última convocatoria se beneficiaron 320 mozos -menores de 40 anos- e 133 novos agricultores -de 41 a 55 anos de idade-, o que supón a incorporación de máis de 450 persoas ao sector agrogandeiro. En conxunto, desde o ano 2009, as axudas para a incorporación de mozos beneficiaron a uns 5.000 mozos e, na pasada convocatoria, sumouse por primeira vez a liña dirixida a novos agricultores de maior idade. Posteriormente, realizou un percorrido polos diferentes expositores presentes neste evento.

Banco de Explotacións

Por outra banda, en materia de remuda xeracional, a Consellería do Medio Rural vén de poñer en marcha o Banco de Explotacións. Este instrumento permite, na práctica, a inclusión dunha explotación no Banco por parte das persoas titulares que pretendan cesar na súa actividade e, por outra banda, tramitar a solicitude de intermediación para o acceso a unha explotación do Banco por parte de persoas interesadas no seu arrendamento, permuta ou adquisición. Deste xeito, favorécese a remuda extra-familiar naquelas explotacións que non contan con expectativas de continuidade dentro da unidade familiar.

A maiores, contémplase a convocatoria dunha axuda á cooperación para a sucesión de explotacións, xestionada pola Xunta. Será unha achega de 2,1 millóns de euros no período 2025-2029 destinada á persoa cedente da explotación e que se convocará en breve.

“Experiencias de Calidade” en Cimag Grandagro

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria está presente na celebración desta edición da Feira Cimag Gandagro a través dunha aula de “Experiencias de Calidade”, na que se desenvolverán catro actividades diarias de cociña en directo con degustación de produtos.

As propostas estarán conducidas polo chef Marcos Aruje, da empresa Remollo, e tamén contarán coa colaboración do persoal dos consellos reguladores implicados neste programa de actividades. Serán catro sesións por día con produtos galegos amparados por indicativos de calidade de orixe gandeiro -Ternera Gallega, Lacón Gallego, Mel de Galicia, produtos gandeiros de Artesanía Alimentaria e os catro queixos galegos con denominación de orixe-.

As sesións irán acompañadas dun servizo de viños galegos con DO -Valdeorras, Monterrei, Ribeira Sacra, Ribeiro e Rías Baixas-, xunto con Pan Galego e Pan de Cea.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/02/2025