A delegada territorial da Xunta visitou esta mañá as actuacións acometidas no polígono industrial das Somozas

Martina Aneiros anima aos concellos de Ferrolterra a concorrer á nova convocatoria de axudas para a mellora dos parques empresariais de Galicia

A orde da Consellería de Economía e Industria vai dirixida aos concellos que realicen investimentos para a habilitación e mellora de infraestruturas dentro dos seus parques empresariais 

Conta cun orzamento de 3M€ e o prazo para presentar as solicitudes finaliza o  día 7 de marzo

As Somozas (A Coruña), 21 de febreiro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás, visitou esta mañá as actuacións de reforzo do firme na vía principal do polígono industrial do municipio executadas cunha achega de 120.000 euros da Consellería de Economía e Industria do pasado ano para a mellora das infraestruturas nos parques empresariais galegos.

Durante a visita, Aneiros sinalou que con estas axudas o Goberno galego pretende mellorar as condicións das empresas asentadas nos parques empresariais de forma que sexan máis competitivas para desenvolver a súa actividade económica, fomentando así a implantación e fixación de empresas.

Aneiros lembrou que a Xunta ten aberta ata o próximo 7 de marzo unha nova convocatoria destas subvencións que conta cun orzamento de 3 M€. A orde vai dirixida aos concellos que realicen investimentos para a habilitación e mellora de infraestruturas dentro dos seus parques empresariais existentes ou en desenvolvemento. Así, poderán sufragarse melloras relativas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, infraestruturas viarias ou servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde.

A intensidade das axudas concedidas pode acadar o 80% do importe total considerado como subvencionable, cun máximo de 120.000 euros para as solicitudes individuais e de 138.000 euros no caso de que sexan conxuntas.

A delegada territorial insistiu o compromiso do Goberno galego co tecido empresarial da Comunidade e apelou a seguir colaborando e traballando xunto aos Concellos para atraer novos investimentos e fixar industria na zona.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/02/2025