A Xunta apoia a ruta 4x4 que se celebra esta fin de semana en Navia de Suarna no marco da Festa da androlla
Navia de Suarna (Lugo), 26 de febreiro de 2025
A Xunta de Galicia apoia a sexta edición da Ruta da Androlla que terá lugar esta fin de semana en Navia de Suarna. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destacou hoxe durante a presentación que a proba “achega a centos de persoas ao municipio desde o venres, actúa como reclamo turístico e contribúe ao éxito da festa gastronómica que se celebra o domingo”. Ao respecto, aproveitou para gabar a calidade dos produtos cárnicos da zona, e da androlla en particular, incluíndo unha visita a un establecemento especializado.
Na presentación participaron representantes e colaboradores da entidade organizadora, o Club Ancares 4x4 Navia de Suarna, entre eles o seu presidente, Pablo Robledo, que explicou que esperan a asistencia de arredor dun centenar de vehículos todoterreo procedentes de Galicia, Asturias, Castela León ou Cataluña. Tamén asistiu o alcalde, José Fernández, entre outros.
A Ruta 4x4 dará comezo este venres cun encontro de benvida e a entrega de dorsais e documentación. O percorrido turístico pola paisaxe natural do municipio ocupará toda a xornada do sábado, e o domingo realizaranse probas de habilidade no circuíto da Grandela. Hoxe remata o prazo de inscrición, que pode formalizarse nas redes sociais dos organizadores.