A Xunta felicita ao CIFP Paseo das Pontes e ao CRP Berlamino Fernárdez Iglesias, gañadores do XXIV Concurso de Cociña e Coctelería do CIFP Fraga do Eume

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, asistiu hoxe á entrega do premios deste certame no que, por primeira vez, participaron non só todos os centros de hostalería de Galicia senón tamén do norte de Portugal, de Asturias e Castela-León

Puxo en valor a calidade da formación profesional galega, especialmente nas ramas de restauración e servizos

Pontedeume (A Coruña), 27 de febreiro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, asistiu hoxe á entrega dos premios do XXIV Concurso de Cociña e Coctelaría que cada ano se celebra no CIFP Fraga do Eume co apoio da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e no que este ano resultaron galardoados o CIFP Paseo das Pontes, na modalidade de cociña, e o CRP Belarmino Fernández Iglesias, na modalidade de coctelería creativa.

Nesta ocasión tomaron parte no certame alumnos dun total de 15 centros de hostalería de Galicia, Asturias, Castela-León e o norte de Portugal -CIFP Paseo das Pontes, IES Sanxillao, CIFP Manuel Antonio, IES de Foz, CIFP Compostela, CIFP Vilamarín, CRP Belarmino Fernández Iglesias, CIFP Ciudad de León, CIFP Diego de Praves (Valladolid), CIFP Hostelería y Turismo Gijón, IES de Pravia, Escola Profissional de Desenvolvemento Rural do Rodo (Peso da Régua, Portugal), o anfitrión o CIFP Fraga e a Escola de Especialidades Estación Naval da Graña como centro convidado-.

O certame deste ano introduciu novidades tanto no apartado de cociña como no de coctelería. Así, eliminouse a elaboración da tapa, de forma que os participantes tiveron que presentar unha única proposta creativa a base de secreto ibérico e alcachofa. No concurso de coctelería, eliminouse a parte clásica, deixando un único concurso de coctelería creativa, onde os alumnos ofreceron a súa propia versión do cóctel Dry Martini.

A delegada territorial destacou o alto nivel das propostas presentadas polos alumnos e reivindicou unha vez máis, a gran calidade da formación profesional galega, especialmente nas ramas de restauración e servizos, como outra das chaves do éxito deste certame “xa consolidado no calendario como unha xuntanza tradicional de todos os centros de hostalería de Galicia e que este ano adquire unha nova dimensión ao abrir as súas portas a escolas doutras comunidades e incluso do norte de Portugal”, destacou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/02/2025