Belén do Campo destaca a aposta de Explora Journeys pola Coruña na escala inaugural do EXPLORA III coincidindo co eclipse solar

Durante o acto, celebrouse o tradicional intercambio de metopas como símbolo de benvida e de colaboración entre o porto e a compañía Explora Journeys

A Coruña, 11 de agosto de 2026.

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto co presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, participou no acto organizado con motivo da primeira escala do EXPLORA III no porto coruñés, nunha xornada especialmente significativa pola celebración do eclipse solar total que atravesa Galicia.

Durante o acto, celebrouse o tradicional intercambio de metopas como símbolo de benvida e de colaboración entre o porto e a compañía Explora Journeys. Posteriormente, a delegada da Xunta e o presidente da Autoridade Portuaria participaron nunha visita a bordo na que puideron coñecer de primeira man as características, o deseño e a proposta de servizos deste novo buque de luxo.

A delegada puxo en valor que “non é casualidade que Explora Journeys escolla A Coruña para unha ocasión tan especial”, ao coincidir a primeira escala do EXPLORA III coa xornada do eclipse solar, un fenómeno astronómico excepcional que está a situar Galicia e, de maneira moi especial, o litoral coruñés, no foco da atención internacional.

O EXPLORA III é o terceiro buque da compañía Explora Journeys e representa unha nova xeración de cruceiros de luxo, cunha filosofía orientada a ofrecer unha experiencia máis próxima á dun hotel de luxo sobre o océano que á dun cruceiro convencional. O buque dispón de 461 suites con vistas ao océano, cinco piscinas climatizadas, sete restaurantes e doce bares e salóns, ademais de amplas zonas dedicadas ao benestar, ao lecer e á gastronomía.

Entre as súas características tamén destaca a aposta pola innovación e pola redución do impacto ambiental. O EXPLORA III está equipado con motores de dobre combustible que permiten o uso de gas natural licuado (GNL) e combustibles de menor pegada de carbono, en liña co compromiso da compañía coa incorporación de novas tecnoloxías no transporte marítimo.

A visita permitiu coñecer os seus espazos interiores e exteriores, deseñados para ofrecer aos pasaxeiros unha experiencia de viaxe baseada no espazo, a tranquilidade, a gastronomía e a conexión co mar.

Neste sentido, a delegada da Xunta destacou que “A Coruña e Galicia teñen moito que ofrecer a un turismo que busca experiencias singulares, calidade e destinos auténticos”, e subliñou a importancia de seguir traballando para consolidar a cidade como “un porto de referencia para un turismo de cruceiros de maior valor engadido, compatible cun modelo turístico responsable e respectuoso co territorio”.

Finalmente, a delegada agradeceu a Explora Journeys a súa aposta por A Coruña e expresou o desexo de que esta primeira escala do EXPLORA III “sexa o comezo dunha relación duradeira que permita seguir achegando á cidade novos visitantes, novas oportunidades e un turismo de calidade”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/08/2026