Medio Rural e a Fundación Arume estudan vías de colaboración a prol da mellora do sector forestal
Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, mantivo un encontro esta mañá con representantes da Fundación Arume, unha entidade que impulsa ao sector forestal galego para fomentar o desenvolvemento do piñeiro na nosa comunidade.
Neste sentido, a reunión serviu para estudar vías de colaboración e afondar na mellora da situación das coníferas en Galicia, unha materia prima de especial relevancia para o sector forestal. Avanzar nesta liña contribúe a acadar os obxectivos fixados no Plan Forestal de Galicia 2021-2040 ‘Cara á neutralidade carbónica’, que busca manter unha actividade produtiva no monte galego, que procure revalorizar e mellorar a súa calidade, eficiencia, produtividade, rendibilidade e competitividade.