A Xunta autoriza a repotenciación dun parque eólico de preto de 20 MW nos concellos de Ortigueira e Mañón

O proxecto aprobado suporá o desmantelamento de parte das instalacións existentes así como a posterior colocación doutras novas coas que se pasará de 24 aeroxeradores a unicamente oito

A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático tramitou no último ano a repotenciación voluntaria de nove parques, seis dos cales xa foron autorizados e tres xa obtiveron a declaración de impacto ambiental

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2025

A Xunta de Galicia autorizou a repotenciación dun parque eólico de preto de 20 megavatios nos concellos coruñeses de Ortigueira e Mañón. O Diario Oficial de Galicia publicará nos vindeiros días a resolución da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático pola que se autoriza tanto o desmantelamento de parte das instalacións actuais do parque eólico Serra da Panda como a construción doutras novas na contorna pasando dun total de 24 aeroxeradores a oito.

Deste xeito, a empresa promotora desmantelará 19 aeroxeradores instalados neste parque -mantéñense cinco- e unha torre meteorolóxica. En paralelo, restauraranse tanto as canalizacións como os camiños que queden sen uso.

A autorización administrativa para proceder á repotenciación do proxecto Serra da Panda suporá a instalación de tres novos aeroxeradores e a actualización da subestación transformadora existente.

O futuro parque contará cunha produción neta de 63.645 megavatios hora ao ano tras un investimento total -entre o desmantelamento das instalacións actuais e a execución dos traballos para a repotenciación- de máis de 11 millóns de euros de execución material.

A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático está a facilitar as repotenciacións voluntarias que melloran a eficiencia dos parques actuais e reducen o seu impacto na paisaxe pois permiten reducir ata un 80 % o número de aeroxeradores e aumentar un 35 % a súa capacidade de produción de enerxía renovable. No último ano tramitou a repotenciación voluntaria de nove parques, seis dos cales xa foron autorizados e tres xa obtiveron a declaración de impacto ambiental continuando coa tramitación para a súa autorización.

Data de actualización: 04/03/2025