Medio Rural lembra que segue aberto o prazo das axudas por valor de 15 M€ para silvicultura produtiva de coníferas e con fins ambientais de frondosas

A conselleira María José Gómez fixo hoxe este recordatorio na súa visita á empresa forestal e de transformación da madeira Hermanos García-Rocha S.L., situada no concello coruñés de Oza-Cesuras

Salientou ademais que este serradoiro forneceu a maioría dos mangos das palas empregadas durante a DINA que afectou o Mediterráneo e que no 2024 chegaron a fabricar 1,5 millóns destes utensilios, máis do 20% para as zonas afectadas en Valencia

Reafirmou tamén o compromiso da Xunta a prol do fortalecemento e desenvolvemento do sector forestal galego, de suma importancia económica

Oza-Cesuras (A Coruña), 5 de marzo de 2025

Ata o vindeiro día 18 de marzo aínda estará aberto o prazo de solicitude das axudas para o impulso da silvicultura produtiva de coníferas e para actuacións silvícolas con obxectivos ambientais e non produtivos en frondosas e na rehabilitación de soutos de castiñeiros, convocadas por primeira vez cun orzamento de 15 millóns de euros.

Así o lembrou hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na súa visita á empresa forestal e de transformación da madeira Hermanos García-Rocha S.L., situada no concello coruñés de Oza-Cesuras e na que estivo acompañada polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e polo alcalde da localidade, Pablo González.

A conselleira sinalou que a través da devandita liña de axudas búscase favorecer os investimentos forestais produtivos a través de actuacións de silvicultura en coníferas, co obxecto de incentivar os tratamentos silvícolas que favorezan o crecemento da masa e a obtención de madeira de calidade; así como fomentar a aplicación dunha silvicultura orientada ao produto que optimice a rendibilidade da madeira mediante o desenvolvemento de técnicas específicas.

Segundo Gómez, trátase tamén de impulsar os investimentos relativos á silvicultura non produtiva de frondosas, xa que unha xestión activa desta especie permitirá non só obter produtos directos, senón asegurar os importantes servizos ambientais que as formacións autóctonas proporcionan. Engadiu que, dentro desta liña de actuación, contémplase ademais unha específica dirixida aos tratamentos silvícolas necesarios para a rehabilitación de soutos de castiñeiros e a renovación das súas copas.

Compromiso polo sector forestal

Todo isto, resaltou a conselleira, forma parte do compromiso do Goberno galego a prol do fortalecemento e desenvolvemento do sector forestal galego. Neste sentido, subliñou que a cadea de valor forestal-madeira é de suma importancia para a economía galega, xa que reúne ata 3.000 empresas. Salientou, asemade, que máis da metade da madeira que se corta en España procede dos montes galegos, sendo Galicia un referente a nivel nacional en canto ao sector forestal, chegando a cortase no 2023 uns 10 millóns de metros cúbicos. Do mesmo xeito, puxo en valor a aposta pola innovación e o deseño no ámbito mobiliario e da carpintería, con empresas que son un referente nestes eidos.

Mangos para os afectados pola DINA en Valencia

Cómpre salientar que a empresa visitada hoxe pola conselleira exporta mangos de pino pinaster (80%) e eucalipto para diversos provedores. Durante a DINA que afectou o Mediterráneo e especialmente Valencia, a maioría dos mangos das palas empregadas alí saíron deste serradoiro de Oza-Cesuras. En 2024 fabricaron 1,5 millóns de mangos, máis do 20% para as zonas afectadas pola DINA.

Hermanos García Rocha acumula 50 anos de experiencia no sector e os seus promotores foron quen de impulsar o negocio da transformación de madeira ao mesmo tempo que a comercializaban desde o monte ás fábricas de pasta de papel e aglomerado.

Na mesma liña, co paso do tempo ampliaron o seu labor e incluíron a fabricación de mangos de ferramentas para seguir incrementando os seus servizos e na actualidade contan con case 80 traballadores repartidos en dous departamentos, de primeira e de segunda transformación. De feito, traballan na transformación de madeira con especies de coníferas como o piñeiro galego ou o piñeiro insigne, pero tamén de frondosas coma o castiñeiro. Precisamente, a conselleira subliñou que, con esta actividade, a empresa engade valor engadido á materia prima autóctona, completando o ciclo produtivo e potenciando, así, a riqueza do monte galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/03/2025