A Xunta declara de interese autonómico o proxecto que desenvolverá o futuro Centro de Alto Rendemento deportivo de Galicia

O novo centro permitirá centralizar a excelencia deportiva de Galicia nun mesmo recinto onde máis disciplinas, instalacións e deportistas teñan cabida

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes destaca que o obxectivo é que “ningún deportista profesional galego teña que buscar o seu futuro fóra” e “atraer a profesionais de toda España” para que desenvolvan a súa carreira na comunidade

A ampliación do centro de tecnificación deportiva de Galicia vén motivada polo incremento do alto nivel na nosa comunidade que desde 2011 ten pasado duns 300 deportistas galegos de alto nivel a preto de 1.500

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2025

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, informou hoxe de que o Consello da Xunta “aprobou declarar de interese autonómico o futuro Centro de Alto Rendemento de Galicia” que se construirá en Pontevedra e que contará cun investimento de "30 millóns de euros". 

O Goberno autonómico fai esta declaración ao considerar que este proxecto transcende o ámbito municipal pola súa incidencia territorial, pola súa magnitude e singulares características que o fan portador dun interese supramunicipal cualificado. Isto supón un novo pulo no impulso ao deporte de alto nivel en Galicia xa que o centro permitirá aumentar os programas de rendemento deportivo que, a día de hoxe, lévanse a cabo no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), en Pontevedra, así como complementar a práctica das novas modalidades con servizos educativos.

O novo Centro de Alto Rendemento que se integrará coa tecnificación do CGTD permitirá centralizar e xuntar a excelencia deportiva de Galicia nun mesmo recinto onde máis disciplinas deportivas, instalacións e deportistas teñan cabida; conseguir manter o alto nivel do deporte galego en Galicia e alcanzar un maior financiamento do Estado co salto cualitativo que implica pasar dun centro de tecnificación a un de alto rendemento, que sería o terceiro de España. “Ademais, vai garantir que ningún profesional terá que buscar fóra de Galicia o seu futuro por falta de infraestruturas axeitadas e busca atraer a deportistas de toda España para que desenvolvan a súa carreira na comunidade”, indicou Calvo.

O futuro proxecto de interese autonómico (PIA) que se desenvolverá a partir de esta declaración, prevé un complexo de diferentes equipamentos deportivos duns 120.000 m2 de superficie, situado no municipio de Pontevedra, a tan só sete quilómetros de distancia do CGTD. 

O centro contará con novas instalacións deportivas que se construirán en fases sucesivas e que acollerán a práctica de diversas disciplinas como bádminton, ximnasia, deportes de combate, baile deportivo, escalada, esgrima ou un atletismo, a través dun módulo cuberto. No que respecta á área exterior deportiva están programados circuítos para BMX, BTT e skate, entre outros. Tamén se desenvolverán zonas comúns, que incluirán aulas para formación, zona administrativa ou servizo médico; así como a residencia para concentracións ou estancias de deportistas de alto nivel. Será un conxunto de infraestruturas destinadas a impulsar distintos compoñentes do sistema deportivo autonómico, ampliar a oferta deportiva e os servizos ás entidades deportivas, empresas, escolas e universidades, así como a promover o desenvolvemento da industria do deporte en Galicia.

Cómpre salientar que, no complexo de Cernadiñas Novas existen, desde hai máis de 50 anos, unhas instalacións deportivas adicadas á práctica de varias modalidades de tiro e mesmo á formación de corpos e forzas de seguridade de diferentes administracións, polo que o novo centro permitirá, asemade,  dar unha solución amplamente demandada á situación deste campo de tiro dotando a Galicia dun centro especializado en tiro olímpico e paralímpico.

O crecemento do alto nivel en Galicia

O conselleiro de Deportes indicou que a ampliación do centro de tecnificación deportiva de Galicia vén motivada polo incremento do alto nivel na nosa comunidade que “se multiplicou case por cinco desde 2011” ao pasar “de 300 a 1.500”. Este récord débese ao esforzo dos deportistas de Galicia nos últimos anos, así como ao novo decreto publicado en setembro de 2020 que, ademais do deporte de alto nivel, tamén recoñece o alto rendemento deportivo -práctica deportiva que aínda non pode ser cualificada de alto nivel pero cuxa proxección indica que estará en condicións de selo- e o rendemento deportivo de base -etapa de desenvolvemento e perfeccionamento previa a acadar o alto rendemento deportivo ou o alto nivel-. O mesmo ocorre coas categorías de técnicos-adestradores e xuíces-árbitros, novos colectivos que se incorporan a figura do alto nivel. 

Pola súa banda, o CGTD, nado no curso 1987/1988 é a instalación de referencia da excelencia competitiva galega, que tamén contempla a formación académica dos deportistas coa finalidade de conseguir a súa formación integral. Neste novo curso, o CGTD comezou excepcionalmente con 163 prazas (83 mulleres e 80 homes), que poderán ampliarse durante o curso, por riba das 160 ofertadas, dada a gran demanda existente que acadou este ano as 267 solicitudes. 

Nos anos 2007 e 2010, respectivamente, incorpóranse á órbita e área de influencia deportiva do CGTD as instalacións do Centro Deportivo Pontillón do Castro e o Centro Galego de Tecnificación de Vela en Vilagarcía, instalacións que completan a preparación dos principais deportistas de piragüismo e vela. No decreto de 2020, incluíuse tamén a figura dos Núcelos de Adestramento Deportivo Especializado (NADE) que son o conxunto de medios humanos e materiais xestionados por unha federación deportiva ou club deportivo, que teñen por finalidade a preparación técnico-deportiva orientada ao alto nivel ou ao alto rendemento deportivo. Na actualidade Galicia conta con trece NADEs, sendo cinco federativos e oito de clubs.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/03/2025