A Xunta asina a adhesión dun cento de empresas á implementación da Guía para a Detección de Vítimas de Violencia de Xénero na contorna laboral

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, destaca que preto de 15.000 empregados se poderán beneficiar das medidas recollidas no documento

Cambados (Pontevedra), 13 de marzo de 2025

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, asinou esta mañá con representantes dun cento de empresas a súa adhesión para poñer en marcha nas súas firmas a Guía para a Detección de Vítimas de Violencia de Xénero na contorna laboral que elaborou a Xunta de Galicia.

Neste sentido, Roberto Barba agradeceu a disposición destas empresas para aplicar esta guía no seu entorno laboral e que permitirá que preto de 15.000 empregados se beneficien das medidas de prevención e sensibilización recollidas no documento. Ademais, engadiu que a maioría do persoal destas firmas son mulleres, polo que lembrou que “é de vital importancia dotalas de información que permita detectar a violencia de xénero o antes posibles”, especialmente no ámbito laboral, no que pasan máis tempo.

Ao respecto, sinalou que a Xunta de Galicia creou esta guía para dar resposta á Directiva comunitaria na que se recolle que as persoas con funcións de supervisión no lugar de traballo, tanto no sector público como no privado, deben recibir formación sobre os efectos da violencia contra as mulleres e a violencia doméstica no traballo e sobre o risco de violencia exercida por terceiros. Deste xeito, búscase capacitar ao persoal para combater a violencia de xénero e para actuar ante calquera situación destas características que vivan no entorno laboral.

Unha empresa referente

A firma da guía realizouse na planta de Angulas Aguinaga, unha empresa cuxo orixe foi o Grupo Linamar, entidade creada en 1989 por Lina Solla, unha muller que foi referente nun sector moi masculinizado ao ser a primeira presidenta do consello regulador do mexillón en Galicia. Esta mercantil ten máis de 800 traballadores, 160 en Galicia, sendo a metade deles mulleres. Ademais, o 70 % dos cargos directivos e de responsabilidade da mercantil son mulleres.

Data de actualización: 14/03/2025