O presidente entregou hoxe na Estrada novos equipos e dotación material para 87 concellos que contan con agrupacións de voluntarios

Rueda reivindica o compromiso e “espírito de servizo” dos milleiros de voluntarios de Protección Civil que traballan por toda Galicia

Dende 2015, a Xunta destinou algo máis de 15 M€ en equipamento a agrupacións de voluntarios

Subliñou o compromiso cos servizos de protección e emerxencias que fai que os voluntarios galegos se sitúen entre os que contan con mellores materiais e medios de toda España

A Estrada (Pontevedra), 15 de marzo de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu esta mañá a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), sita na Estrada, para facer entrega de novos equipos e dotación material a 87 concellos con agrupacións de voluntarios de Protección Civil procedentes de concellos de toda Galicia. “Imos seguir cubrindo as necesidades e renovando o material destas agrupacións”, indicou.

Durante a súa intervención, na que estivo acompañado do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, Rueda reivindicou o papel destes voluntarios como piar do modelo de emerxencias de Galicia. “Cómpre destacar o traballo e o espírito de servizo dos milleiros de voluntarios que dedican o seu tempo libre a botar unha man aos demais”, salientou Rueda.

Os equipos entregados ás asociacións inclúen conxuntos de ferramentas eléctricas para a atención ás emerxencias; material loxístico de seguridade viaria; remolques para as situacións de risco; e tendas de campaña, todo por unha contía próxima aos 417.000 euros, co-financiado polos fondos Feder-Galicia 2021-2027.  

En total, dende 2015 destináronse por parte da Xunta de Galicia algo máis de 15 millóns de euros en equipamento a asociacións de voluntarios para apoiar o seu labor de protección e prevención, especialmente nos concellos con menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos. 

Neste senso, o xefe do Executivo galego subliñou o compromiso da Xunta cos servizos de protección e emerxencias de Galicia, centrado sobre todo en tres eidos: a financiación de custos de funcionamento, a formación do voluntariado e a dotación material e de equipamento. Rueda amosou o seu orgullo polo labor das agrupacións galegas e asegurou que se atopan entre as que contan con mellores equipos e material de toda España.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/03/2025