A Xunta destinou máis de 330.000 euros á mellora dos parques empresariais da área de Vigo

A delegada da Xunta, Ana Ortiz, visitou o polígono de A Casilla, en O Porriño, onde levouse a cabo a pavimentación da rede viaria

Lembrou que o Goberno galego ten aberto unha nova orde de axudas por máis de 3 millóns de euros dirixidas aos concellos que queiran realizar melloras

O Porriño (Pontevedra), 17 de marzo de 2025

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, acudiu este luns xunto ao alcalde de O Porriño, Alejandro Lorenzo, ao parque empresarial de A Casilla, en Atios, ao que a Consellería de Economía e Industria destinou preto de 77.000 euros para mellorar a pavimentacion da rede viaria do polígono industrial, correspondente á convocatoria do ano anterior para mellorar as infraestruturas dos parques empresariais galegos.

A representante autonómica destacou as achegas do Goberno galego na área territorial viguesa por máis de 337.000€ para os parques industriais dos concellos de O Porriño, Nigrán e Mos, que encadra coa política industrial da Xunta a prol da modernización e á competitividade dos polígonos e facilita que as empresas dispoñan dos servizos e infraestruturas que necesitan para levar a cabo a súa actividade.

Durante a súa visita, a delegada territorial lembrou que a Xunta xa traballa coa nova nova orde de axudas por máis de 3 millóns de euros dirixidos aos concellos galegos que queiran realizar melloras relativas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, infraestruturas viarias, así como servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde.

Ana Ortiz explicou que as achegas desta orde teñen unha intensidade do 80% do importe total considerado como subvencionable e cun máximo de 120.000 euros para as solicitudes individuais e de 138.000 euros para as solicitudes conxuntas, contemplando anticipos de ata o 25% da axuda concedida. Tamén detallou que o procedemento de concesión será o de concorrencia competitiva, téndose en conta criterios como a superficie do parque, o seu nivel de ocupación ou a poboación do municipio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/03/2025