O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración asinou hoxe o convenio de colaboración co presidente da Deputación de Ourense e co alcalde do municipio
A Xunta apoia o concello de Ribadavia cunha achega de 1,1 M€ para a reforma e modernización da praza de abastos e a obtención do selo de Mercado Excelente
José González remarcou a importancia da cooperación entre administracións neste convenio tripartito no que a Xunta asume o 70 % do investimento, a Deputación de Ourense o 20 % e o Concello o 10 % restante
O proxecto, que se executará entre 2026 e 2027, permitirá unha renovación integral do mercado, mellorando instalacións, accesibilidade, servizos e avanzando na súa adaptación ás novas necesidades do comercio de proximidade
No marco do Plan de impulso da Rede de Mercados Excelentes de Galicia, esta intervención busca que o mercado acade o distintivo xa presente noutras cinco prazas galegas, reforzando así a súa competitividade e actividade comercial
Ademais, dá continuidade ao protocolo de colaboración coa Deputación de Ourense para a mellora das prazas de abastos da provincia mediante convenios cos concellos participantes, como os xa asinados co Carballiño e con Xinzo de Limia
A intervención reforzará o comercio de proximidade en Ribadavia como polo de atracción, ao que se suma o proxecto piloto Vilas Vivas, ao abeiro do que veñen de arrancar os ‘Domingos Vivos’, orientados á dinamización do casco histórico
Ourense, 28 de xullo de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, asinou hoxe co presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e co alcalde de Ribadavia, César Fernández, un convenio de colaboración para acometer a reforma integral da praza de abastos da vila, cun investimento total de 1,6 M€, dos que a Xunta achegará máis de 1,1 M€, asumindo o 70 % do custo da actuación. O proxecto, que se desenvolverá entre 2026 e 2027, permitirá modernizar as instalacións, mellorar a accesibilidade, a eficiencia, os servizos e o equipamento do mercado, co obxectivo de que obteña o selo de Mercado Excelente e reforce a súa competitividade e atractivo como espazo de referencia para a veciñanza e para o turismo.
No acto, no que tamén participou o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, o conselleiro puxo en valor a colaboración entre administracións e destacou que este convenio dá continuidade ao protocolo asinado entre a Xunta e a Deputación de Ourense para impulsar a modernización das prazas de abastos da provincia, unha liña de traballo que xa se materializou este ano cos acordos asinados co Carballiño e Xinzo de Limia e que se enmarca no Plan de impulso da Rede de Mercados Excelentes de Galicia.
Neste senso, lembrou que na actualidade xa son cinco os mercados distinguidos con este selo —Pontedeume, Tomiño, Vilagarcía de Arousa, Carballo e Ribeira— e incidiu en que o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 fixa como obxectivo acadar 25 mercados certificados ao remate da década.
José González destacou que as prazas de abastos son moito máis que espazos de venda, ao constituíren motores económicos, puntos de encontro social e escaparates para os produtos frescos e de proximidade. Por iso, subliñou que investir na súa modernización supón fortalecer o comercio local, dinamizar a economía das vilas e preparalas para os retos de futuro.
A este respecto, lembrou que tanto a Xunta de Galicia como a Deputación manteñen a man tendida ao Concello de Ourense para desbloquear definitivamente a situación da Praza de Abastos nº 1 e poder acometer, canto antes, as obras necesarias que permitan a súa apertura con todas as garantías.
Así mesmo, insistiu na máxima vontade de acordo demostrada tanto pola Administración autonómica como provincial e polas propias praceiras e praceiros "cedendo todo o que se ten que ceder" para facer posible unha solución. Lamentou, porén que, malia que o Concello ten sobre a mesa dúas propostas consensuadas que non supoñen ningún custo para as arcas municipais, o alcalde continúe paralizando unha actuación en contra dos intereses de toda a cidadanía.
Vilas Vivas
A reforma da praza de abastos súmase ás distintas actuacións que a Xunta está a impulsar en Ribadavia no marco do proxecto piloto Vilas Vivas, orientado á recuperación da actividade comercial do casco histórico mediante a rehabilitación de baixos en desuso. Neste contexto, este ano prevese acadar os 15 locais rehabilitados e abertos ao público e, recentemente, púxose en marcha o programa Domingos Vivos, con actividades culturais, gastronómicas e visitas guiadas os primeiros domingos de cada mes para dinamizar o comercio e atraer visitantes ao municipio.