A Xunta aborda cos centros de Formación Profesional de Galicia a planificación do vindeiro curso 25/26

Rematarase a implementación da nova lei estatal de FP no segundo ano, módulos e dual logo de aplicala xa este ano con normalidade nos primeiros cursos

O conselleiro Román Rodríguez agradece a implicación dos equipos directivos con estas ensinanzas e avanza que o decreto está listo a seis meses de iniciar o curso

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, reuniuse hoxe con máis de 150 centros que imparten Formación Profesional, representados polo seus equipos directivos, para abordar a planificación do vindeiro curso 2025/26. En concreto, logo de implantar con éxito este ano a nova lei estatal nos primeiros cursos, continuarase agora de acordo á folla de ruta prevista nos segundos cursos dos ciclos ordinarios e en todos os de réxime modular e FP Dual Intensiva.

O representante do departamento educativo da Xunta lembrou que, malia os retrasos o pasado ano por parte do Goberno central, Galicia foi quen de desenvolver o novo marco normativo grazas a unha normativa transitoria, aprobada a través dunha resolución. Agora, e malia que o Ministerio ten pendente definir inconcrecións da normativa publicada que impiden unha implantación homoxénea en toda España, Galicia dá un paso máis e plasma o contido da resolución nun decreto sen modificacións relevantes.

O obxectivo da Consellería, tanto este curso como o vindeiro, é facilitar a implantación da lei estatal co menor impacto posible, para preservar o modelo de éxito da FP galega, consolidado logo de 15 anos de aposta ininterrompida nos que se multiplicou tanto a cifra de alumnado matriculado como a súa inserción laboral. Deste xeito, como explicou o conselleiro, a nosa Comunidade trata de dar certezas novamente nestas ensinanzas cando restan practicamente seis meses para o inicio do vindeiro curso académico. Neste senso, agradeceu o traballo e a implicación destes centros coa Formación Profesional.

Folla de ruta coñecida

O decreto está xa practicamente listo para a súa tramitación administrativa, que se iniciará en breve coa exposición pública e o debate na Mesa sectorial coas organizacións sindicais, tal e como xa foi avanzado a semana pasada no Consello Escolar de Galicia.

A nova organización da FP en Galicia inclúe novidades xa coñecidas como o reforzo dos idiomas, duplicando o inglés na FP respecto do básico establecido polo Ministerio. Tamén permite ao alumnado realizar ata 700 horas de formación práctica.

No transcurso da reunión tamén se abordaron as prioridades coas que se está a traballar para a definición da oferta de FP de cara ao curso que vén. Neste sentido, apostarase pola FP Básica, a Dual Intensiva e os títulos de alta especialización, tal e como se establece no novo plan FPGal 360 de orientación profesional integral.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/03/2025