A Xunta comparte coa Universidade de Santiago a celebración do centenario da inauguración da Biblioteca América
O conselleiro de Educación, acompañado polo secretario xeral da Emigración, participa na inauguración da exposición conmemorativa desta efeméride
Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na inauguración da exposición conmemorativa do centenario da inauguración da Biblioteca América da Universidade de Santiago de Compostela.
A mostra, que permanecerá aberta ata o 30 de outubro na sede da propia biblioteca, no Salón do Artesonado e no claustro superior do Pazo de Fonseca, ten como obxectivo poñer en valor o legado cultural e académico que representa este espazo cuxo proxecto foi iniciado por Gumersindo Busto en Bos Aires en 1904 e finalmente inaugurado en 1926.
A exposición, estruturada en cinco bloques temáticos, inclúe paneis gráficos de gran formato, vitrinas con fondos orixinais e recursos escenográficos e elementos audiovisuais interactivos que combinan narración histórica e exhibición patrimonial.
Tamén se exhiben reconstrucións das celebracións da inauguración da mesma en Santiago, así como das actividades paralelas en Bos Aires e o impacto que este evento tivo na prensa, na vida compostelá e nas comunidades galegas en América.