A conselleira de Política Social e Igualdade participa na entrega dos V Premios Valedora do Pobo aos mellores traballos fin de grado e máster relacionados coa igualdade

Fabiola García avanza que o Programa Galicia Investiga Igualdade permitirá impulsar carreiras científicas en materia de xénero

A conselleira explica que esta iniciativa da Xunta consiste nunha convocatoria de contratos predoutorais para estudantes nas universidades galegas, que estará dotada con 300.000€ e permitirá apoiar dez contratos

Agradece a implicación das tres universidades galegas e a súa colaboración coa Xunta no desenvolvemento de medidas de fomento da corresponsabilidade, as masculinidades igualitarias e de impulso da loita contra a violencia de xénero

A Coruña, 15 de marzo de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou esta mañá na entrega dos V Premios Valedora do Pobo aos mellores traballos fin de grado e fin de máster en materia de igualdade, onde explicou no novo Programa Galicia Investiga Igualdade, coa que a Xunta impulsará carreiras científicas en materia de xénero.

Na súa intervención, a conselleira subliñou que a investigación en igualdade de xénero desde a universidade “é un campo clave para a transformación social” e que permite analizar as desigualdades de xénero, propoñer solucións e xerar impacto dentro da propia comunidade universitaria. Neste sentido, agradeceu o traballo das tres universidades galegas e a colaboración coa Xunta colabora a través de medidas que pretenden fomentar a corresponsabilidade, as masculinidades igualitarias e impulsar a loita contra a violencia de xénero.

Fabiola García asegurou que a Xunta “é consciente da alta calidade da investigación impulsada en Galicia” a través das universidades públicas e avanzou que  dentro do III Programa Muller e Ciencia, lanzarase este ano o primeiro programa de apoio á investigación en materia de xénero. Esta iniciativa, denominada Programa Galicia Investiga Igualdade, consiste nunha convocatoria de contratos predoutorais para estudantes nas universidades galegas, que estará dotada con 300.000€ e permitirá apoiar dez contratos.

O obxectivo deste programa é fomentar a formación de persoas investigadoras para a obtención do título de doutoramento e a adquisición de competencias relacionadas coa investigación en igualdade. Tamén se busca mellorar o coñecemento da situación, condicións e posición de mulleres e homes nas relacións de xénero nos distintos ámbitos da vida. Así como dar a coñecer os resultados da investigación que poidan constituír boas practicas de políticas de igualdade.

Catro investigadoras galardoadas

Os premios desta edición recaeron en Xoana Abraira de Bernardo, alumna da Universidade de Vigo, polo traballo fin de grao O oficio de lavar: unha cartografía sensible. Por parte da Universidade de Santiago de Compostela resultou galardoada Rosalía Suárez Sánchez, co seu estudo Os delitos contra a liberdade sexual: prevención, regulación e o piar fundamental do consentimento.

Por último, na Universidade da Coruña recaeron dous premios. Un deles foi para Iria María Fernández Sánchez, polo traballo de fin de máster Referentes femininos na Historia da Música: proposta didáctica para visualizar as principais mulleres compositoras da Historia da Música nas aulas de 3º de ESO. Mentres que o outro galardón foi para Sarah Lamas, polo seu estudo Á caza das tránsfugas: violencia contra as mulleres lesbianas e bisexuais no espazo público.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/03/2025