A Xunta colabora coa II Ruta cabalar de Orbazai, en Lugo, que se celebra o vindeiro sábado
Lugo, 19 de marzo de 2025
A Xunta colabora coa II Ruta Cabalar de Orbazai, en Lugo, que se celebra o vindeiro sábado 22 de marzo. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, presentou hoxe a cita na Delegación Territorial xunto ao presidente e vicepresidente do Grupo Cabalar da parroquia, Alejandro Burgo e Sergio Díaz.
As actividades comezarán ás 9.00 horas cun café de benvida para os participantes e ás 10.00 horas iniciarase a ruta, cun percorrido de arredor de 20 quilómetros por camiños de Orbazai, A Retorta, Ombreiro e Adai. Ao remate da mesma celebrarase unha comida popular á que pode asistir todo aquel que o desexe e a festa prolongarase durante toda a tarde coa animación musical do grupo Jaque e a discoteca móbil La Duendeneta. Haberá tamén sorteos e regalos para os adultos e nenos que participen no encontro.
Os organizadores agardan superar as cifras da primeira edición e prevén reunir na ruta a uns 60 xinetes e amazonas chegados de distintos puntos da comunidade e a máis de 150 persoas na comida de confraternidade. Os interesados en participar poden inscribirse ata mañá xoves nos teléfonos 682 503 716, 622 283 117 ou 603 722 085.
Javier Arias destacou o apoio da Xunta a esta ruta, da que é o patrocinador principal, e puxo en valor o labor que realiza o Grupo Cabalar de Orbazai “organizando actividades ecuestres coma esta que, ademais de promover a afección por esta modalidade deportiva, contribúen á dinamización social e á promoción turística da parroquia e do conxunto municipio ao discorrer a ruta por algunhas das fermosas paraxes naturais que temos na nosa contorna”.