A Xunta promociona o destino Galicia na Feira Expocatólica, o principal mercado de turismo relixioso de América Latina
A XIX edición do certame celébrase en São Paulo do 23 ao 26 de xullo e reúne máis de 200 expositores, cunha afluencia superior aos 60.000 visitantes
Turismo de Galicia contará cun espazo expositivo no cal difundirá os Camiños de Santiago e a oferta turística e gastronómica do destino
Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2026
Do 23 ao 26 de xullo, Turismo de Galicia participará na Expocatólica, a maior feira de turismo relixioso de América Latina, que celebrará a súa 19ª edición no Centro de Eventos Promagno de São Paulo (Brasil). Durante catro días, impulsarase Galicia en foros especializados, nunha acción enmarcada na estratexia de promoción internacional do Camiño de Santiago e do Xacobeo 2027.
Con máis de 200 expositores de diferentes continentes e unha afluencia estimada maior a 60.000 visitantes, Expocatólica convértese nun dos encontros de referencia para a promoción de produtos e servizos vinculados ao ámbito relixioso ao reunir tanto a profesionais do sector como a consumidores. Turismo de Galicia contará cun stand propio de preto de 30m², cun deseño disposto para ofrecer información sobre os Camiños de Santiago e poñer en valor a gran oferta turística da comunidade. Ademais, o espazo expositivo permitirá mostrar aos visitantes o patrimonio histórico, a paisaxe e a gastronomía galegas. Esta promoción busca xerar un maior interese no destino Galicia e non só no Camiño, para que os peregrinos prolonguen a súa estancia máis aló da súa chegada a Santiago de Compostela.
A presenza neste evento responde tamén á aposta de Turismo de Galicia polo turismo relixioso como eixo estratéxico para avanzar na desestacionalización da demanda turística, para manter a chegada de peregrinos e visitantes ao longo de todo o ano.
Brasil, un mercado estratéxico para o Camiño de Santiago
Un dos países con maior interese polo fenómeno xacobeo é Brasil. No territorio existen numerosas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago que desenvolven unha importante labor de difusión da peregrinación e promoción dos diferentes itinerarios xacobeos. Estas entidades aproveitan o marco de Expocatólica para establecer contactos e fortalecer os vínculos entre Brasil e Galicia arredor do Camiño de Santiago.
No 2025, 8.467 peregrinos brasileiros recibiron a compostela. A participación de Turismo de Galicia na feira reforza a internacionalización do destino e consolida o Camiño de Santiago e o Xacobeo 2027 nos mercados emisores de peregrinos a nivel internacional.