A Xunta adxudica por máis de 860.000 euros as obras de acondicionamento da contorna do Camiño Inglés no Paseo do Carboeiro, no Concello de Oroso

Trátase de acometer a mellora paisaxística e da seguridade viaria neste parque fluvial en Sigüeiro, lugar de paso do Camiño de Santiago, beneficiando tanto aos peregrinos como á veciñanza

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e a Axencia de Turismo de Galicia asumen o 80% financiamento, e o Concello, o 20% restante

As obras incluirán a mellora do firme dos sendeiros, a renovación das pistas deportivas, o arranxo do parque infantil ou a dotación de iluminación e mobiliario

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2026

A Xunta adxudicou por un importe de 863.135,56 € as obras para o acondicionamento da contorna do Camiño Inglés no Paseo do Carboeiro, no Concello de Oroso.

Este novo contrato adxudicado ao abeiro do Plan Hurbe á empresa Alcomte Galicia, S.L, ten como  obxectivo mellorar esta zona de paso do Camiño Inglés, en Sigüeiro. Para isto, acometeranse a mellora do firme dos sendeiros, arranxaranse as pistas deportivas ou o parque infantil e renovaranse a iluminación e o mobiliario urbano, entre outras accións.

Trátase de acadar unha mellora paisaxística e da seguridade viaria, tanto para os peregrinos como para os veciños da zona, facendo así esta contorna un lugar máis accesible, seguro e amable para camiñar, practicar deporte, descansar ou compartir tempo de lecer en familia ou entre amigos.

De acordo ao convenio asinado entre a Xunta e o Concello, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e a Axencia de Turismo de Galicia asumen o 80% financiamento, e o Concello, o 20% restante.

A Xunta segue impulsando este tipo de obras a través do Plan Hurbe, cooperando cos concellos para mellorar as contornas urbanas ou equipamentos públicos. Este programa busca conservar o patrimonio, embelecer os pobos e lograr lugares máis atractivos para vivir, traballar ou emprender.

A través de intervencións como estas de Oroso, a Xunta contribúen ademais a reforzar a competitividade económica, dando pulo ao turismo, ao comercio ou á hostalaría, e atraen e consolidan poboación.

Data de actualización: 08/08/2026