Medio Rural salienta a aposta pola innovación dentro do sector forestal do grupo Tragsa

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, asistiu hoxe á inauguración de novo laboratorio de cultivo de planta biotecnolóxica que ten o grupo no seu viveiro do concello ourensán de Maceda

Ese novo espazo permitirá levar a cabo traballos de investigación relacionados coa reprodución in vitro de materiais forestais de alto valor, cuxos resultados se poderán compartir cos centros xestionados pola Xunta no ámbito agroforestal

O Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” contempla nun dos seus eixos o fomento da innovación neste eido produtivo de tanta importancia para a economía galega

Maceda (Ourense), 20 de marzo de 2025

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, asistiu hoxe á inauguración do novo laboratorio de cultivo de planta biotecnolóxica no viveiro de Tragsa, situado no concello ourensán de Maceda. Alí, salientou a aposta pola innovación que supoñen estas novas instalacións a prol do sector forestal.

Este novo laboratorio supón un avance científico no ámbito dos materiais forestais de reprodución, co obxectivo de acadar unha produción de 100.000 plantas biotecnolóxicas anuais de especies como o castiñeiro ou o piñeiro, entre outras. As instalacións servirán para levar a cabo traballos de investigación relacionados coa reprodución in vitro de materiais forestais de alto valor, cuxos resultados tamén se poderán transferir aos centros de investigación agroforestais da Xunta.

A aposta pola innovación forma parte dun dos eixos estratéxicos do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, posto en marcha pola Consellería do Medio Rural como un instrumento básico de planificación deste eido importante para a economía galega, e co que se deseña a política forestal na nosa comunidade. Deste xeito, adecúase o sector ás necesidades, retos e oportunidades de futuro que se presentan para o monte no noso territorio, así como ás demandas e tendencias emerxentes xurdidas a nivel nacional e internacional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/03/2025