Medio Rural organiza unha nova rolda de xornadas formativas para o persoal do Servizo de Prevención de Incendios Forestais

Nestas accións abordaranse contidos sobre o traballo e a seguridade con medios aéreos, leccións aprendidas dos últimos grandes incendios forestais así como técnicas de remate e liquidación, entre outros

O curso contará cunha parte de formación telemática e outra práctica, que se desenvolverá no Centro de Integral contra o Lume de Toén

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2025

A Dirección Xeral de Defensa do Monte, dependente da Consellería do Medio Rural, está a organizar unha nova rolda de xornadas formativas dirixidas ao persoal que desenvolve o seu traballo nas brigadas no Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF).

Nestas accións abordaranse contidos sobre o traballo e a seguridade con medios aéreos, leccións aprendidas dos últimos grandes incendios forestais (GIF), aqueles de máis de 500 hectáreas; así como técnicas de remate e liquidación, entre outros. A formación consta de 20 horas lectivas, 12 na modalidade de teleformación e unha parte presencial de oito horas de duración.

Esta parte práctica desenvolverase no Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén, un espazo de referencia para a formación, a cooperación e a investigación en materia de incendios forestais, en horario de 09:00 a 19:00 horas.

A formación telemática empezará o 28 de marzo para o persoal das provincias da Coruña e Pontevedra; mentres que en Lugo e Ourense dará comezo o 4 de abril. A primeira sesión práctica será o 23 de abril e continuarase coas sucesivas edicións presenciais ata finais do mes de maio.

Con este tipo de actividades consolídase a aposta da Consellería do Medio Rural, por acadar un dispositivo público, profesional, versátil e eficaz, formado nas últimas novidades sobre lumes forestais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/03/2025