A Xunta colabora coa escola Shantidi na festa solidaria que organiza en Lugo para impulsar proxectos de cooperación na India

A Delegación Territorial acollerá o sábado un concerto gratuíto do intérprete de sitar e compositor indio Imran Khan, que actuará no Salón de Actos ás 21,00 horas

Lugo, 25 de marzo de 2025

A Xunta colabora coa oenegué lucense Escola Shantidi na festa solidaria que organiza este venres, 28 de marzo, no Círculo das Artes co fin de reunir fondos para os proxectos de cooperación que desenvolve na India. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e a presidenta da entidade, Teresa Vila, reuníronse hoxe para presentar os detalles da celebración, que promoven dende hai varios anos.

A festa comezará ás 21.00 horas e, como nas anteriores edicións, terá unha ambientación inspirada na India e contará con cátering, música en directo, mercadillo e sorteos. Tamén haberá exposicións para dar a coñecer os proxectos humanitarios que desenvolve o colectivo.

A programación terá continuidade o sábado 29 na Delegación Territorial da Xunta cun concerto do músico indio Imran Khan, intérprete de sitar e compositor. Estará acompañado de Ciro Montanari, músico experto na táboa india. A actuación será ás 21,00 horas no Salón de Actos, con entrada gratuíta.

Imran Khan pertence a unha familia de recoñecidos músicos indios e desenvolve a súa carreira no seu país e a nivel internacional. Despois de actuar en Lugo regresará á India para participar nun concerto multitudinario e a continuación iniciará unha xira con actuacións en distintas cidades europeas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/03/2025