A Mariña acolle o encontro ‘NatureWatch’ no marco do Plan de Sostibilidade Turística que impulsa a Xunta de Galicia
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou a aposta do Goberno galego pola conservación ambiental e o turismo de natureza para conformar unha oferta sostible e desestacionalizada
Barreiros (Lugo), 28 de marzo de 2025
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na inauguración do encontro de turismo e observación da natureza NatureWatch, que se desenvolverá ata o domingo na Mariña lucense. Está promovido pola Mancomunidade de Municipios mariñá no marco do Plan de Sostibilidade Turística, ao que o Goberno galego achega 1 millón de euros.
O centro sociocultural de Barreiros acollerá charlas técnicas e divulgativas, que se complementarán con saídas para coñecer o patrimonio ornitolóxico, natural e xeolóxico da zona.
O delegado territorial explicou a aposta da Xunta pola conservación ambiental e o turismo de natureza, “que, xunto ao cultural e gastronómico, contribúe a conformar unha oferta sostible e desestacionalizada”. Ao respecto, lembrou que as achegas do Goberno galego para a xestión do xeodestino permiten desenvolver propostas como Turismo Slow Norte de Galicia, as Rutas de Artesanía ou A Mariña en Ruta.
Arias incidiu no “enorme potencial” da comarca no eido do ecoturismo. Entre os proxectos medioambientais da Xunta, destacou o plan para reintroducir a píllara das dunas na praia de Altar, en Barreiros, o último lugar no que constaba a súa presencia de forma natural antes de desaparecer da costa lucense hai oito anos. Entre agosto e outubro do pasado ano liberáronse catro exemplares desta ave, clasificada como vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.
A experiencia NatureWatch ten formato sustentable. O importe da inscrición destínase a compensar a pegada de carbono xerada polo propio evento e a colaborar cun proxecto de conservación de pequenos carnívoros na Serra do Xistral.