Marcos Gómez Román visita a montaxe do Morriña Fest, que converte A Coruña nun dos grandes epicentros da música en directo esta fin de semana

A pasada edición, a cita musical enmarcada nos Concertos do Xacobeo congregou a máis de 30.000 asistentes

A Coruña, 24 de xullo de 2026

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román,  visitou hoxe a montaxe do Morriña Fest, que se celebra esta fin de semana na cidade da Coruña. O comisario puido coñecer de primeira man os preparativos dunha das grandes citas musicais do verán galego, integrada na programación de Concertos do Xacobeo, a iniciativa impulsada por Turismo de Galicia para consolidar a Comunidade como un destino de referencia para a música en directo.

Durante a visita, o comisario constatou a importancia deste programa como unha ferramenta estratéxica para reforzar a oferta turística de Galicia e contribuír á súa proxección a través de eventos musicais de primeiro nivel.

Nesta edición, o Morriña Fest celebra a súa sexta convocatoria desde hoxe ata o 26 de xullo cun cartel que reúne algunhas das figuras máis destacadas da música nacional e internacional, como Manuel Turizo e Young Miko —nas súas únicas actuacións en Galicia—, Myke Towers, Juanes, Hard GZ, Belén Aguilera, Marlena, Luck Ra, Henry Méndez ou 9Louro, entre outros.

O festival consolídase así como unha das principais citas musicais do verán en Galicia, cunha proposta pensada para públicos diversos e que na pasada edición congregou a máis de 30.000 asistentes. Ademais do seu valor cultural, constitúe un importante dinamizador da economía local, da actividade turística e da hostalaría da cidade.

O Morriña Fest forma parte da programación de Concertos do Xacobeo, unha iniciativa da Xunta de Galicia que continúa a consolidarse como un dos principais motores da música en directo na Comunidade. Na provincia da Coruña, o programa apoia este ano 68 eventos e festivais, entre eles citas xa imprescindibles como O Gozo Festival, Noites do Porto, Coruña Sounds ou o propio Morriña Fest.

Concertos do Xacobeo inclúe unha programación musical ao longo de todo o territorio e durante os doce meses do ano, con centos de concertos e festivais que reúnen artistas internacionais, nacionais e galegos, contribuíndo a desestacionalizar a oferta turística e a reforzar o posicionamento de Galicia como un destino de primeiro nivel.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/07/2026