Trátase do segundo tramo no que colaboran Xunta e Autoridade Portuaria dun itinerario de case 7,5km que conecta o enclave con Bouzas

Rueda presenta a humanización da fachada marítima de Beiramar coma un proxecto que “fai cidade” e permitirá reforzar a relación entre Vigo e o mar

Resaltou a importancia de compaxinar “a actividade marítima e económica” do porto vigués con habilitar zonas “para o desfrute” de toda a cidadanía

O proxecto inclúe a instalación dun sistema pioneiro de información adaptada para as persoas con trastorno de espectro autista 

Reafirma o compromiso da Xunta con Vigo, onde hai proxectos estratéxicos en marcha coma a rehabilitación do Teatro Cine Fraga ou a construción de nova vivenda pública en San Paio de Navia

Vigo, 1 de abril de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe en Vigo a nova fachada marítima na vía de Beiramar, na zona de Estaleiros, próxima ao porto vigués. Unha intervención que completa as melloras nos 7,5 quilómetros que comprende dende o Areal ata Bouzas e que o titular do Goberno autonómico cualificou coma un proxecto "que fai cidade” e permite recuperar a relación entre Vigo e o entorno mariño.

Durante a súa intervención, Rueda salientou a importancia de saber compaxinar a necesaria “economía e actividade marítima” do porto vigués con habilitar zonas “para o desfrute” do conxunto da cidadanía. “O porto estaría incompleto se non tivese en conta a toda a cidade que axudou a construír. Non se entende Vigo sen o porto nin o porto sen a cidade”, indicou.

Por iso, ampliáronse as beirarrúas para facilitar o tránsito peonil e ciclista e dotouse ao percorrido de novo mobiliario urbano, iluminación eficiente, zonas verdes e novas zonas de estacionamento. Unha actuación, ademais, que non altera a actividade portuaria realizada ao longo do treito. En total, máis de 11.000m2 de espazo público, incluíndo unha zona axardinada de 1.400m2. 

Trátase da segunda actuación das previstas no convenio de colaboración asinado entre a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, e a Autoridade Portuaria de Vigo para o Fomento da Mobilidade Sostible na Fachada Marítima de Vigo. Esta intervención contou cun orzamento de 5,1 millóns de euros. 

Ademais, ao igual que no primeiro tramo, se desenvolveron diferentes medidas para as persoas con dificultades visuais en colaboración co Grupo Social ONCE. Este segundo tramo recupera eses elementos e engade un sistema pioneiro de información adaptada para as persoas con trastorno de espectro autistas, desenvolto en colaboración coa Federación de Autismo de Galicia. Está deseñado para superar barreiras cognitivas mediante o uso de carteleira con pictogramas. “É un proxecto inclusivo”, indicou Rueda, quen salientou que o obxectivo é “mellorar a accesibilidade” para que “todo o mundo” desfrute deste novo espazo.

O proxecto responde ademais á necesidade de crear un espazo máis sustentable, accesible para todos e conectado co mar co obxectivo de permitir que Vigo recupere a súa relación co mar e transformar esta zona nun área máis amable, funcional e moderna. 

O presidente reafirmou o seu compromiso con Vigo, asegurando que o Goberno galego seguirá impulsando proxectos que melloren a cidade como xa fixo no seu momento coa Cidade da Xustiza, o Hospital Álvaro Cunqueiro ou con proxectos en marcha coma a rehabilitación do Teatro Cine Fraga ou a aposta pola construción de vivenda pública, especialmente na zona de San Paio de Navia.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/04/2025