A Xunta pon en valor o papel da innovación e a investigación para o futuro da acuicultura galega
O Grove (Pontevedra), 2 de outubro de 2026
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, participou no Grove na entrega dos premios ás mellores comunicacións do XXVIII Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas (ForoAcui), un encontro que promove a transferencia de coñecemento e a colaboración entre a comunidade científica, o tecido empresarial e as administracións.
Durante o acto recoñecéronse os traballos presentados nas modalidades de póster e audiovisual, centrados en cuestións como a sustentabilidade e adaptación da acuicultura ao cambio climático, o seguimento dos recursos mariños e a aplicación de novas tecnoloxías. Entre os galardoados figuran investigacións sobre a adaptación de Saccharina latissima a sistemas de acuicultura multitrófica, a detección de poboacións de mexillón pigmeo mediante ADN ambiental e o proxecto autonómico SOL-OUXA II sobre a presenza de ouxas no litoral das Rías Baixas.