A Xunta licita por máis de 12,1 M€ as obras de construción do novo colexio do Milladoiro, no concello de Ames

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle a contratación desta obra, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 2 de maio

Trátase do primeiro centro construído integramente en base aos parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e dá resposta á necesidade de prazas nun dos concellos de maior dinamismo demográfico

O colexio será totalmente accesible e contará con espazos multidisciplinares, flexibles e adaptados ao ensino do século XXI

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2025

A Xunta vén de licitar por un importe de 12.129.976 euros a execución das obras do novo colexio do Milladoiro, no concello de Ames.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle a contratacións desta obra, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 2 de maio.

Esta nova licitación, que incrementou o seu orzamento inicial en algo máis de 2,3 M€ para atender ao incremento dos prezos dos materiais, ten como obxectivo impulsar o primeiro centro construído integramente en base aos parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, cumprindo así a Xunta o seu compromiso para dar resposta á necesidades de prazas nun dos concellos de maior dinamismo demográfico de Galicia.

Esta obra, que se licita hoxe a través da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas será sufragada con fondos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, co cofinanciamento dos fondos europeos.

Características 

Segundo o proxecto obxecto do contrato hoxe licitado, o colexio será totalmente accesible e contará con espazos multidisciplinares, flexibles e adaptados ao ensino do século XXI. Cunha superficie construída de 4.384,73 m² distribuída en dous andares, o colexio contará con seis aulas de Infantil e 12 de Primaria, cos aseos correspondentes, así como outras catro de apoio educativo e desdobramento de grupos, aula de música e sala de usos múltiples. 

A biblioteca terá acceso directo desde o vestíbulo e desde o exterior e o ximnasio terá dúas alturas, gradas e vestiarios. Tamén estará dotado con área de administración (con despachos, conserxería, local para a anpa, etc) comedor e zonas de servizos comúns.

De acordo co establecido no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, o centro estará dotado dun foro multifuncional que servirá como espazo de aprendizaxe aberto. Situarase no espazo central do primeiro andar, entre as aulas de Primaria e as de desdobre, creando unha relación entre as diferentes estancias e conectándose co patio mediante unha gran fiestra protexida da incidencia do sol.

Ademais, o novo colexio terá un espazo específico para Polo Creativo, no que o alumnado poderá traballar as competencias STEM a través de proxectos de robótica ou intelixencia artificial, equipado cos materiais necesarios. No que atinxe aos espazos exteriores, estará dotado de zona cuberta e descuberta exterior para as aulas de Infantil e de pista polideportiva cuberta e descuberta. 

Accesible

A accesibilidade do edificio proponse desde un punto de vista universal e inclusivo, evitando calquera tipo de barreira, con accesos directos tanto desde o interior como desde o exterior do edificio a boa parte das estancias. Deste xeito, o proxecto propón itinerarios de circulación intuitivos e libres de obstáculos, en prol dunha orientación más sinxela, e espazos de comunicación ben iluminados con luz natural. Isto completarase coa colocación de sinalética de gran tamaño e cor facilmente visibles. 

Ademais, tanto no exterior do edificio como nos espazos interiores haberá superficies podotáctiles que guíen ao acceso, vestíbulo e outros puntos de importancia del edificio. Os diferentes espazos exteriores serán tamén accesibles a todos mediante ramplas.

Data de actualización: 01/04/2025