A Xunta avanza na dixitalización e interoperabilidade da xustiza no marco do Plan Senda 2025

O director xeral de Xustiza afondou no Parlamento de Galicia nos fitos xa alcanzados e nos obxectivos marcados para este ano

As actuacións permiten a adaptación á nova normativa e garanten unha maior axilidade, eficiencia, seguridade, proximidade e calidade no servizo prestado

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2025

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, interveu hoxe no Parlamento para afondar nos avances na dixitalización e interoperabilidade do sistema xudicial galego, no marco do III Plan Tecnolóxico da Administración de Xustiza en Galicia. Senda 2025. Segundo sinalou, as actuacións permiten asegurar a adaptación aos últimos cambios normativos, así como garantir unha maior axilidade, eficiencia, seguridade, proximidade e calidade do servizo prestado pola administración de xustiza a cidadanía.

José Tronchoni afondou nos obxectivos xa cumpridos en 2024, como foi a activación dos procesos necesarios para a implantación do novo sistema de rexistro civil (DICIREG), para o que se abordou a renovación de máis dun cento de postos de traballo, habilitáronse 400 escritorios virtuais e dixitalizáronse os libros de xulgados de paz dos anos posteriores a 1956. Apuntou que o novo modelo de Rexistro Civil xa se implantou en 39 partidos xudiciais e está previsto que finalice o proceso o vindeiro mes de xuño chegando aos 45 partidos xudiciais e 313 rexistros civís existentes.

O director xeral referiuse tamén á implantación dun novo sistema de información para as Oficinas de Atención á Vítima, activo nas sete cidades, e no que se rexistraron o pasado exercicio máis dun milleiro de expedientes. O impulso ao expediente xudicial electrónico, á sinatura electrónica e ao visor do expediente xudicial electrónico son outras das ferramentas impulsadas pola Xunta neste eido, con importantes incrementos nos accesos e no número de usuarios.

A maiores, estas actuacións precisaron de acompañamento ás persoas usuarias, que supuxo máis de 3.300 horas de formación e máis de 7.500 asistencias individuais. Tamén se renovaron preto de 300 equipos de postos de traballo, o que supón a ampliación a máis de 2.500 as persoas con acceso ao sistema corporativo de escritorio virtual.

De cara a 2025, José Tronchoni avanzou que se continúa coas medidas que permitan seguir consolidando a dixitalización e impulsando a axilidade e eficiencia do sistema. Así, haberá un novo explorador de documentos e melloras no sistema de sinaturas e na interoperabilidade. Tamén se reforzarán os servizos dixitais cara á cidadanía e aos profesionais, cunha nova sede xudicial electrónica e a incorporación de novos formularios, así como a atención ás vítimas con novas oficinas virtuais que posibilitarán a atención personalizada e continua a través de videoconferencia.

O III Plan Tecnolóxico da Administración da Xustiza en Galicia. Senda 2025, no que se integran todas estas accións, busca a consolidación dixital da xustiza, para facela máis próxima á cidadanía con capacidade para ofrecer uns servizos máis personalizados e adaptados ás súas necesidades. O Plan conta cun investimento de 43 millóns de euros en cinco anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/04/2025