A Xunta publica a orde de axudas específicas para vítimas de violencia sexual, ás que destina 2M€

Estas novas achegas reforzan o paquete de medidas de Galicia para contribuír á recuperación integral das mulleres que sufriron calquera violencia machista

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a primeira convocatoria das axudas económicas do Goberno galego destinadas ás vítimas de violencia sexual, cun orzamento de dous millóns de euros. O obxectivo da Xunta con estas achegas é favorecer a recuperación integral das mulleres afectadas, que poderán recibir ata 12.500 euros.

O prazo de solicitude estará aberto desde o vindeiro 21 de agosto e rematará o 30 de outubro de 2026 e con esta nova convocatoria de achegas o Goberno galego reforza o paquete de medidas que Galicia pon á disposición de todas as vítimas para contribuír a facilitar os procesos de recuperación. Neste sentido, a Xunta conta cunha das maiores redes de recursos como as casas de acollida, a prestación económica periódica ou a atención gratuíta. 

Coa posta en marcha desta nova liña de axudas, Galicia convértese nunha das primeiras autonomías do país en ofrecer unha achega específica para as vítimas de violencia sexual e os seus fillos. Deste xeito, a comunidade volve ser referente na loita contra a violencia de xénero e na protección das mulleres que sofren esta lacra.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/08/2026