A Xunta apoia a VI andaina e carreira Lugo en marcha contra o cancro, que será o 12 de abril
A Asociación Española contra o Cancro (AECC) lucense presentou hoxe unha nova edición desta iniciativa solidaria
Lugo, 2 de abril de 2025
A VI Andaina e Carreira Lugo en marcha contra o cancro celebrarase o día 12 de abril organizada pola Asociación Española Contra o Cancro (AECC) lucense coa colaboración da Xunta.
O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, participou hoxe na presentación desta nova edición xunto co presidente da AECC, José Manuel Rozas, e representantes doutras institucións. Esta iniciativa solidaria ten por obxecto recadar fondos para os programas dirixidos a mellorar a vida dos pacientes de cancro e as súas familias, así como para impulsar a investigación oncolóxica.
A saída será dende a Praza da Horta do Seminario. Haberá unha andaina para todas as idades, unha carreira de cinco quilómetros para adultos e carreiras para nenos e nenas. Tamén hai a posibilidade de adquirir un dorsal solidario sen participar na marcha. A través da web lugocontraocancro.es poden consultarse todos os detalles e realizar as inscricións.
Arias destacou que a Xunta e a AECC asinaron o pasado luns un novo convenio para seguir impulsando campañas de concienciación, prestar apoio psicolóxico e social aos pacientes e ás súas familias e colaborar no seguimento dos plans de prevención e detección precoz. Con respecto a estes últimos, o delegado subliñou que “Galicia é un referente no funcionamento dos cribados de cancro tales como o de cérvix, mama ou colon”, que están implantados en todas as áreas sanitarias.