A Xunta acorda co concello de Ames estudar a modificación da liña de interese municipal entre Bertamiráns e Santiago de Compostela para adaptar o servizo ás necesidades actuais

A comisión de seguimento do SIMU de Ames reuniuse hoxe a petición do Concello para abordar a situación da liña que rexistra un cumprimento dos servizos do 99%

No seguimento técnico que realizou a Xunta constátase unha demanda media menor de 2 viaxeiros por servizo nos últimos 14 meses

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2025

A Xunta acordou hoxe co Concello de Ames estudar a modificación da liña de autobús de interese municipal (SIMU) entre Bertamiráns e Santiago de Compostela, unha vez que o Concello envíe a súa proposta para adaptar o servizo ás necesidades actuais.

A petición do Concello, este mércores reuniuse a comisión de seguimento do SIMU de Ames na que participaron a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, xunto con representantes da administración local e da empresa que opera o servizo. 

A liña que funciona entre a rúa Alcalde Lorenzo e a estación intermodal de Santiago de Compostela activouse en xuño de 2022 mediante un convenio asinado entre o Concello de Ames e a Xunta para reforzar o servizo de autobús nas parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído, con 14 servizos ao día de luns a sábado e 12 os domingos. Nestes servizos, as persoas usuarias viaxan coas mesmas bonificacións e descontos que no resto do transporte metropolitano.

Na reunión de hoxe, na que se abordou a situación e o funcionamento do servizo, a Xunta deu conta dos resultados dun informe técnico de seguimento no que se constatou, pola xeolocalización dos autobuses, que nos últimos 14 meses se realizaron o 99% dos servizos programados. Así, verificouse que o cumprimento por parte do operador do servizo acordado é practicamente total.

Ademais, no seguimento técnico tamén se revisou a puntualidade. Os datos de prestación dos servizos recollen que case o 80% saen en hora e máis do 93% se inician dentro da marxe permitida no contrato.

Non obstante, malia que a análise técnica recolle que o servizo funciona correctamente en canto ao cumprimento de servizos e de horarios, constatouse unha demanda limitada, tendo en conta o volume de servizos dispoñible. Nos 14 meses analizados, viaxaron na liña SIMU 4.100 usuarios, o que supón unha media de 1,3 viaxeiros por servizo.

Unha vez revisadas as conclusións do seguimento, o Concello de Ames comprometeuse a trasladar unha proposta de modificación do itinerario e da configuración do servizo SIMU, para adecualo ás circunstancias actuais e fomentar o seu uso. A Xunta seguirá pendente dos desaxustes que se poidan producir e a avaliará os cambios que formule o Concello.

Data de actualización: 02/04/2025