O director de Augas de Galicia visitou as obras que o organismo hidráulico está a executar na contorna do río Anllóns ao seu paso por este municipio
A Xunta reabre a ponte da rúa Fomento de Carballo tras investir preto de 2 M€ en traballos para minimizar o impacto dos asolagamentos
Esta é unha das actuacións previstas no concello para mellorar a capacidade de desaugue do río Anllóns e minimizar as inundacións na contorna, cun investimento total do Executivo galego de máis de 6 millóns de euros
Roi Fernández salienta que catro das cinco grandes obras previstas na zona xa están practicamente concluídas e a quinta rematarase antes de que acabe o ano
Carballo (A Coruña), 4 de abril de 2025
O director de Augas de Galicia, Roi Fernández, visitou hoxe as obras que o organismo hidráulico está a realizar no concello de Carballo para paliar os asolagamentos na contorna do río Anllóns. O avance das actuacións na contorna da ponte da rúa Fomento -que rematarán ao longo deste mes tralo investimento de arredor de 1,9 millóns de euros- permite reabrir ao tráfico peonil e rodado esta infraestrutura cumprindo así cos prazos inicialmente previstos.
Deste xeito, o Executivo galego continúa coas intervencións acordadas co Concello para mellorar a capacidade de desaugue do río e minimizar os efectos das inundacións acordadas co Concello e que están recollidas nun convenio de colaboración que conta cun orzamento de máis de 6 millóns de euros.
Roi Fernández lembrou que tres das cinco actuacións previstas nese acordo xa están rematadas -a realización dun by-pass na zona de Muíño do Quinto, a remodelación integral do parque de San Martiño e as obras na rúa Sol- mentres que as da rúa Fomento están na fase final. Mentres, está en execución a mellora hidráulica do río ao seu paso polo enlace entre as estradas AG-55 e a AC-552, que se prevé que estea rematada a finais deste ano tras un investimento de preto de 1,3 millóns de euros.
No caso dos traballos na rúa Fomento, consistiron na remodelación da ponte situada nesta vía, da canle fluvial e dos muros de protección augas a baixo. De feito, as obras implicaron o derrubamento dun edificio situado na marxe do río, a demolición da ponte existente, a construción dos elementos que conforman a nova pasarela (as vigas e o taboleiro) así como as obras de retranqueo dos colectores e a reposición da coieira existente nas proximidades.
Roi Fernández destacou que todas as intervencións realizadas e pendentes farán que esta zona urbana estea máis preparada e segura ante episodios meteorolóxicos adversos e posibles asolagamentos. Nesta liña, agradeceu a boa sintonía e colaboración co Concello, que aportou os terreos necesarios para executar as actuacións e resolveu todas as cuestións relativas á súa dispoñibilidade.
No mesmo sentido, o director de Augas de Galicia subliñou que as obras fan que o concello de Carballo estea máis preparado para afrontar este tipo de situacións adversas ao tempo que contribúen a mudar a imaxe da zona fluvial urbana do municipio.