Os directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e de Planificación e Ordenación Forestal interviñeron na Comisión 7ª do Parlamento
Medio Rural inviste cada ano uns 25 M€ en 50 programas de sanidade animal para reforzar o excelente status da cabana gandeira galega
O titular de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, destacou na Cámara galega que o excelente nivel sanitario da cabana na nosa comunidade outorga ao sector unha vantaxe competitiva nos mercados
En resposta a unha pregunta sobre as axudas ao viño, Balseiros avanzou tamén que Medio Rural está a piques de resolver a convocatoria de 2025 das axudas para promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países (fóra da UE)
O director de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, explicou que desde o ano 2018 un total de 459 montes resolveron voluntariamente os seus convenios coa administración, avanzando cara a un modelo de xestión privada sostible e certificada
José Luis Chan fixo ademais unha chamada á implicación activa dos propietarios forestais na loita contra enfermidades fúnxicas como a banda do piñeiro
Santiago de Compostela, 4 de abril de 2025
A Consellería de Medio Rural inviste anualmente uns 25 millóns de euros en case 50 programas de sanidade animal. Con estas medidas mantense un excelente nivel sanitario da cabana gandeira galega, o que outorga ao sector unha posición de vantaxe competitiva respecto doutras comunidades autónomas ou países á hora de comercializar os animais ou os seus produtos, cunha diferenciación que lles permite acadar un maior valor das producións e un mellor acceso aos mercados. Así o remarcou hoxe o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, na súa comparecencia na Comisión 7ª do Parlamento, a petición propia, para informar da situación actual da sanidade animal na nosa comunidade autónoma.
O director xeral destacou que o seu departamento realiza máis de 50.000 inspeccións e controis anuais relacionados coa sanidade animal. Ademais, o Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia (Lasapaga) dependente da Subdirección xeral de Gandaría, analiza unhas 700.000 mostras de diferentes clases, realizando case 1.300.000 determinacións (análises de todo tipo).
Balseiros puxo como exemplo do excelente status sanitario da gandaría galega a situación de tuberculose bovina, na que a nosa comunidade é territorio libre deste enfermidade, así como tamén da brucelose bovina, ovina e cabrúa. Ademais, o director xeral debullou o estado da cabana en relación con outras doenzas, caso da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) ou a lingua azul.
Así, con respecto á EHE puxo en valor que a Consellería do Medio Rural estableceu dende o primeiro momento axudas para compensar as mortes por esta enfermidade, así como os arredor de 5,6 millóns de euros destinados aos gandeiros a modo de compensación. Ademais, anunciou que está previsto publicar a mediados deste ano unha nova resolución de axudas, para os casos posteriores ao 5 de decembro de 2024, data ata onde abranguía a orde anterior.
Vacinación fronte a lingua azul
No que atinxe á lingua azul, o director xeral explicou as diferentes medidas adoptadas, cunha mención especial ás vacinas. Deste xeito, salientou que Medio Rural asumiu xa no 2023 unha vacinación en saba (masiva) e de balde para os gandeiros, malia ser daquela unha obriga para os titulares das explotacións. Logo de finalizala, a Consellería levou a cabo unha vacinación de continuidade, daqueles bovinos ou ovinos que non foran protexidos nun primeiro momento.
Nesta liña, Balseiros destacou tamén que Galicia foi a única comunidade autónoma que asumiu a totalidade do custo tanto da vacina como das actuacións de vacinación, en saba e de continuidade e, asemade, que o seu departamento continúa vacinando de balde nas explotacións bovinas e ovinas que voluntariamente desexen vacinar os seus animais, tendo en conta que agora mesmo esta medida xa non é obrigatoria.
Por último, Balseiros lembrou que, para compensar as perdas producidas aos gandeiros cando deben sacrificar animais no marco dos diferentes programas de erradicación de enfermidades, existen outros dous tipos de axudas. Trátase das indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades, dotada en 2025 con 1,3 millóns de euros; e das axudas de compensacións complementarias e axudas para a reposición dos animais en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, como consecuencia do sacrificio obrigatorio de gando en execución de programas oficiais de erradicación de enfermidades, que conta en 2025 cun orzamento de 125.000 euros.
Axudas á promoción do viño
Noutra orde de cousas, o director xeral anunciou, en resposta a unha pregunta sobre a cuestión, que a Consellería do Medio Rural está a piques de resolver a convocatoria de 2025 das axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países (fóra da UE).
Considerou ademais que a normativa que regula estas convocatorias debería ser menos esixente e contar cun orzamento maior, de xeito que poidan acollerse adegas e denominacións de orixe de menor dimensión, e así llo ten trasladado a Xunta en numerosas ocasións ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, segundo explicou Balseiros.
Sector forestal
Por outra banda, en resposta a unha pregunta sobre o particular, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, sinalou que desde o ano 2018, un total de 459 montes (algo máis de 76.000 hectáreas) resolveron voluntariamente os seus convenios e consorcios coa administración, avanzando cara a un modelo de xestión privada sostible e certificada. Engadiu, nesta mesma liña, que actualmente se vive en Galicia un escenario maioritariamente saneado, no que a maioría das comunidades de montes mantén unha situación financeira regularizada.
No mesmo sentido, Chan puxo en valor o “esforzo especial” da Xunta no fomento da ordenación forestal, que desde o ano 2018 pasou de 117.000 hectáreas ata máis de 500.000 a finais do ano pasado, superando o obxectivo previsto no Plan forestal de Galicia para o 2035. E remarcou que dispoñer dun instrumento ou proxecto de ordenación é, precisamente, un requisito indispensable para a extinción dos consorcios e convenios vixentes.
Así mesmo, o director xeral aseverou que “este é o verdadeiro indicador do éxito das medidas neste eido”. Que montes que antes precisaban o apoio da administración rescindan voluntariamente o seu convenio ou consorcio e inicien unha etapa de xestión privada sen débeda, con instrumento de ordenación e na gran maioría dos casos coa xestión forestal sostible certificada.
Por último, respondendo a outra pregunta, José Luis Chan fixo unha chamada á implicación activa dos propietarios forestais na loita contra enfermidades fúnxicas como a banda do piñeiro. Subliñou que Medio Rural está a desenvolver un plan integral fronte estas doenzas, pero lembrou que, segundo a normativa vixente, os titulares de explotacións ou superficies con cuberta vexetal deben manter os seus cultivos, plantacións, masas forestais e o medio natural nun bo estado fitosanitario.
Nesta liña, o director xeral recordou tamén que o Consello da Xunta aprobou recentemente un plan integrado con 1,4 millóns de euros para os próximos anos que xa se está a desenvolver, centrado na Serra da Capelada, unha zona que servirá de laboratorio para obter modelos replicables en toda Galicia. Advertiu, ademais, que a Xunta aposta pola diversificación e polo fomento de especies máis adaptadas ás condicións ambientais galegas, garantindo unha maior resiliencia fronte ás enfermidades fúnxicas e promovendo unha xestión forestal sostible.