A Xunta renova o convenio coa coordinadora galega de ONGD co obxectivo de fortalecer as entidades de cooperación de Galicia

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asinou esta mañá o acordo coa entidade que agrupa na actualidade 47 ONGD

A través desta colaboración, que se incrementa neste exercicio a 110.000 euros, fortalecerase a capacidade de actuación das ONGD máis pequenas, entre outras medidas

A iniciativa enmárcase no V Plan director da cooperación galega 2023-2026 e no seu Plan anual para 2025, dotado con preto de 10 millóns de euros

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2025

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asinou esta mañá coa presidenta da Coordinadora Galega de Organizacións non Gobernamentais para o Desenvolvemento (ONGD), María Paz Gutiérrez, o convenio de colaboración para representar e fortalecer as entidades de cooperación de Galicia. O acordo asinado conta cunha dotación da Xunta que ascende este ano a 110.000 euros, un 10% máis que no anterior exercicio. O importe global é de 111.425 euros.

A Coordinadora Galega de ONGD agrupa actualmente 47 destas entidades con presenza na comunidade galega e forma parte da Coordinadora Nacional de ONGD. Con este acordo preténdese mellorar a súa capacidade para representar e fortalecer as ONGD galegas, particularmente as máis pequenas, así como para incidir na mellora da política pública de cooperación galega a nivel local e autonómico e para comunicar externamente a transcendencia de defender os dereitos humanos e as políticas de cooperación internacional a nivel global.

Así, entre as actividades previstas no marco da iniciativa destacan o mantemento de canles de comunicación e asesoramento ás ONGD e das canles de información externa, a realización de accións formativas, o reforzo da colaboración coas administracións locais e autonómica, e a promoción do traballo en rede con outras entidades relacionadas con eidos estratéxicos para as ONGD socias.

Plan director da cooperación galega

O convenio formalizado hoxe enmárcase no V Plan director da cooperación galega 2023-2026, que establece a planificación estratéxica do Goberno galego en materia de cooperación para o desenvolvemento. O documento recoñece a Coordinadora Galega de ONGD como interlocutora permanente da Xunta no eido da cooperación para o desenvolvemento e inclúe que se fortalecerá a súa capacidade dándolle continuidade ao convenio anual.

Neste marco de acción apróbase cada exercicio o Plan anual da cooperación galega para o desenvolvemento, que neste ano medra tamén un 10% con respecto ao anterior e conta cunha dotación de case 10 millóns de euros. A través del, o Goberno galego avanza nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) co fin de erradicar a pobreza, reducir as desigualdades, promover os dereitos humanos e as liberdades fundamentais ou loitar contra o cambio climático

A sinatura do acordo tivo lugar na nova sede da Coordinadora Galega de ONGD, nun acto no que o conselleiro Diego Calvo aproveitou para coñecer as instalacións. Entre as súas actuacións, a entidade fundada en 1991 leva a cabo a representación institucional e o traballo en rede con outros actores galegos, estatais e estranxeiros; a formación especializada para as súas capacidades; a publicación de estudos e informes sobre cooperación ao desenvolvemento; ademais da comunicación e a sensibilización para difundir o traballo das ONGD  e a defensa da cooperación ao desenvolvemento.

A Xunta vén colaborando dende 1997 coa entidade no ámbito da sensibilización e fortalecemento institucional a través da sinatura dos correspondentes convenios.

As ONGD son entidades con coñecemento experto para promover e xestionar intervencións de desenvolvemento e teñen entre as súas misións o fomento da conciencia da cidadanía e a educación para o desenvolvemento, co fin de promover valores de responsabilidade e solidariedade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/04/2025