Medio Rural convoca as achegas para a colleita en verde cun orzamento de 600.000 euros

As axudas teñen como obxectivo contribuír a xestionar os excedentes de viño das achegas, coa finalidade de retirar un volume que permita recobrar o equilibrio do mercado

Poderán ser beneficiaras as persoas produtoras de uvas para vinificación que cumpran coa normativa vixente en materia de plantacións de viñedo

Subvencionaranse as accións de vendima manual na que se colleiten os acios de uvas cando aínda están inmaturos, de maneira que se reduza o rendemento da parcela

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2025

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á colleita en verde, dotadas cun orzamento de 600.000 euros procedentes do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga). Estas achegas teñen como obxectivo contribuír a xestionar os excedentes de viño das adegas, coa finalidade de retirar un volume que permita recobrar o equilibrio do mercado.

Poderán ser beneficiarias as persoas produtoras de uvas para vinificación que cumpran coa normativa vixente en materia de plantacións de viñedo. Neste sentido, a parcela de viñedo que sexa obxecto da axuda deberá solicitarse para a totalidade da súa superficie e deberá cumprir cunha serie de requisitos, como estar inscrita no Rexistro Vitícola, ter sido plantada con anterioridade ás tres campañas previas ou ter unha superficie igual ou superior ás 0,05 hectáreas, entre outras.

Estas achegas subvencionarán as accións de vendima manual na que se colleiten os acios de uvas cando aínda están inmaturos, de maneira que se reduza o rendemento da parcela. A colleita en verde deberá terse realizado a máis tardar o día 15 de xullo. O prazo de presentación de solicitudes comeza mañá e finaliza o 25 de abril.

Contexto internacional

Cabe sinalar que estas achegas enmárcanse na situación actual na que se rexistrou un descenso xeneralizado no consumo de viño tinto no ámbito internacional, que derivou en excedentes de viño en moitas adegas.

Data de actualización: 09/04/2025