A Xunta subliña o seu compromiso co desenvolvemento de solo empresarial en Galicia

O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, e a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, asistiron ao II Congreso Nacional de Xestores de Polígonos Empresariais

Barcelona, 10 de abril de 2025

A Xunta subliñou hoxe o seu firme compromiso co desenvolvemento do solo empresarial en Galicia a través de importantes medidas de apoio aos polígonos industriais.

O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, acompañado da directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, asistiron esta mañá ao II Congreso Nacional de Xestores de Polígonos Empresariais celebrado en Barcelona onde puxeron en valor que unha das metas do Goberno galego nesta lexislatura é axilizar o máximo posible o desenvolvemento de solo naqueles lugares onde se pode continuar desenvolvendo economicamente a zona e non existe solo industrial.

Neste sentido, o secretario xeral lembrou as figuras de aceleración industrial postas en marcha neste 2025 como é o caso das Zonas de Aceleración de Proxectos Empresariais e Solo (Zapes) permitirán simultanear a tramitación urbanística coa dos proxectos, de xeito que se pasaría dunha media de dez anos a menos de dous anos para que as empresas poidan comezar a súa construción.

Trátase, en definitiva de desenvolver solo industrial nos concellos nos que teñen necesidade e onde as empresas están esperando para poder asentar as súas industrias, e deste xeito, levar a cabo un desenvolvemento industrial homoxéneo en toda Galicia.

Vázquez tamén resaltou a importancia de que a rede de transporte eléctrico dea unha resposta axeitada ás demandas de consumo da industria e, nese sentido, sinalou que é necesario modificar o Proxecto de Lei de industria e autonomía estratéxica aprobado polo Goberno central ao considerar que non soluciona a falta de planificación enerxética e deixa de lado as comunidades autónomas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/04/2025