O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP participou na presentación de resultados de 2024 de ATIGA, alianza que integra a sete centros tecnolóxicos galegos

Román Rodríguez felicita aos centros tecnolóxicos galegos polo crecemento experimentado no 2024

Subliña o incremento dun 19% nos seus ingresos, acadando os 125,7 M€, e dun 17% nas súas plantiñas, superando os 2.000 empregados

No 2024 o Goberno galego concedeulles 18,7M€ aos sete centros tecnolóxicos que forman Atiga, montante no que destaca o investimento en infraestruturas

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional, Román Rodríguez, participou esta mañá no acto de presentación de resultados de 2024 da Alianza Tecnolóxica Intersectorial Galega (ATIGA), integrada polos centros tecnolóxicos AIMEN, Anfaco, CETIM, CTAG, Energylab, Gradiant e ITG. Román Rodríguez, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, felicitou aos sete centros polo crecemento experimentando no ano 2024, nomeadamente en termos de ingresos, emprego e participación en proxectos de I+D.

O titular de Ciencia apuntou que “este é o camiño a seguir, mellorando as cifras e convertendo a Galicia nun referente no ámbito da I+D+i” e amosou o compromiso da Xunta de Galicia co apoio ao labor que desenvolven os centros tecnolóxicos, como actores clave na transferencia de coñecemento ao tecido produtivo. De feito, a Xunta de Galicia concedeu no 2024 preto de 18,7 millóns de euros a estes sete centros a través de convocatorias competitivas como a de fortalecemento e ampliación das capacidades, proxectos de I+D+i no marco do programa Fábrica Intelixente e Sustentable ou os contratos-programa para financiar os gastos estruturais dos centros. Destaca especialmente a axuda concedida para a construción dun novo centro de fabricación intelixente de AIMEN e dun novo edificio para o CTAG centrado no futuro da automoción, ambos no Porriño.

Así mesmo, a Consellería de Ciencia e Atiga colaboran no fomento da transferencia de coñecemento e na internacionalización da I+D+i galega a través dun convenio de colaboración, no que a Xunta leva investidos preto de 1,1M€ desde 2015. De cara ao futuro, o novo Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 contempla  continuar dotando os centros tecnolóxicos de recursos económicos para gastos estruturais e de infraestruturas, ademais de poder participar no resto de convocatorias. Como novidade, co obxectivo de optimizar as sinerxías e complementariedades dos axentes cara a transferencia, favorecerase a realización de proxectos piloto de colaboración entre os centros de investigación e centros tecnolóxicos galegos.

Balance de resultados de 2024

No que atinxe aos resultados presentados, destaca o incremento dun 19% nos ingresos dos sete centros, ata cifra de 125,7 millóns de euros, así como o aumento dun 17% no emprego, acadando os 2.023 profesionais. Por outra banda, Atiga informou de que no ano 2024 desenvolveron 524 proxectos de I+D -187 de ámbito europeo ou internacional, 148 nacional e 80 rexional-. Ademais, os integrantes de Atiga obtiveron retornos de Europa por importe de 18,26 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/04/2025