Medio Rural pon en valor a I+D+i na silvicultura na clausura do V Foro de Innovación Produtiva do Agro
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou esta mañá na inauguración da cuarta e última xornada do evento, que se está a celebrar no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias, de Ribadeo
Martín Alemparte destacou o potencial de Galicia no eido da silvicultura e a xestión forestal activa, que contribúe de xeito decisivo a consolidar a nosa comunidade como líder nacional no ámbito forestal
Ribadeo (Lugo), 11 de abril de 2025
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, destacou hoxe o potencial de Galicia no eido da silvicultura e a xestión forestal activa, que contribúe de xeito decisivo a consolidar a nosa comunidade como líder nacional no ámbito forestal grazas, entre outros factores, ao desenvolvemento da I+D+i.
O director foi o encargado de inaugurar a última xornada do V Foro de innovación produtiva do sector agrario, organizado pola Consellería do Medio Rural e que se desenvolve ao longo desta mañá no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias, de Ribadeo (Lugo).
Nesta xornada danse a coñecer un total de seis proxectos innovadores, todos eles do ámbito da silvicultura, que se centran en aspectos como a mellora do cultivo do sabugueiro autóctono, o incremento da produtividade micolóxica dos piñeirais na nosa comunidade ou a cooperación para o desenvolvemento do sector resineiro galego, entre outros. Estas iniciativas están impulsadas por diferentes empresas, universidades ou asociacións sectoriais e procuran avanzar na resolución de problemas do presente e do futuro do eido forestal de Galicia.
Forman parte do total de 35 proxectos presentados ao abeiro deste V Foro de Innovación produtiva do sector agrario, que se celebrou en catro xornadas e sedes diferentes. Así, ademais deste evento de hoxe en Ribadeo, houbo encontros na Cidade da Cultura (o pasado día 27 de febreiro, coa presenza da conselleira María José Gómez e centrado na gandaría e a industria agroalimentaria); na Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia, en Pontevedra, o 13 de marzo, onde se falou de viticultura e enoloxía; e no Pazo de Fontefiz, en Coles (Ourense), o 27 de marzo, nunha xornada específica sobre agricultura.