O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o presidente da Fundación, Rubén Cagiao Avendaño, asinaron esta semana o acordo

O Servizo Galego de Saúde e a Fundación Érguete-Integración renovan a súa colaboración no ámbito da incorporación social a pacientes con trastornos adictivos

A Consellería de Sanidade destinará á fundación 126.143 euros co obxecto de proceder ao financiamento das actividades

Ao abeiro deste convenio a fundación atendeu o pasado ano 515 usuarios

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o presidente da Fundación Érguete-Integración, Rubén Cagiao Avendaño, asinaron a renovación do convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e a dita fundación para o desenvolvemento de programas de incorporación social a pacientes con trastornos adictivos.

O convenio asinado ten por obxecto o desenvolvemento, por parte da Fundación Érguete-Integración, das actividades no marco do Programa Itínere, de seguimento e atención das persoas en tratamento unha vez excarceradas, no eido da incorporación social de persoas con trastornos adictivos.

Ao abeiro deste convenio, ao que a Xunta destina 126.143 euros para o seu financiamento, a fundación atendeu o pasado ano 515 usuarios: 373 homes e 142 mulleres.

No marco deste programa que agora se renova, desenvolveranse un conxunto de actuacións a través das que a poboación reclusa destinataria poderá adquirir ou completar a súa cualificación e competencias profesionais, coñecer a situación do mercado laboral e as técnicas máis axeitadas para acceder ao mesmo, así como recibir apoio específico para o seu proceso de inserción laboral.

O ámbito territorial de aplicación deste programa estenderanse aos internos e internas, que se atopen en proceso de excarceración nas institucións penitenciarias da Lama (Pontevedra), O Pereiro de Aguiar (Ourense), Teixeiro (A Coruña), o Centro de Inserción Social “Carmen Avendaño” (Vigo-Pontevedra) e o Centro de Inserción Social “Carmela Arías y Díaz de Rábago” da Coruña.

A prestación dos servizos que se desenvolverán no marco do Programa Itínere levaranse a cabo por parte dos profesionais que integran o equipo nos diferentes dispositivos da Fundación. 

Outras colaboracións coa entidade

O pasado mes de marzo a Consellería de Sanidade e Érguete tamén asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento de programas de incorporación social a pacientes con trastornos aditivos. En virtude dese acordo a Consellería destina máis de 177.000 euros á asociación, co obxectivo de facilitar a atención integral ás persoas con condutas aditivas e problemas legais, proporcionando cobertura de apoio e documental ao ámbito xudicial, tanto a usuarios como a xuíces, fiscais ou avogados. 

Tamén o pasado ano a Consellería de Sanidade e Érguete asinaron un acordo para a cesión e reforma dunha vivenda para a recuperación e reinserción social de mulleres drogodependentes. A través desa colaboración o Executivo galego achegou 30.000 euros, o 80 % do investimento necesario para mellorar as condicións dun inmoble no núcleo urbano de Vigo que foi cedido previamente á asociación co obxectivo de dar cobertura e atención a este colectivo. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/04/2025