A Xunta dá por finalizada desde mañá a alerta por posibles efectos da calor na zona de Valdeorras
A partir de mañá xoves a progresiva entrada dunha masa de aire de orixe atlántico moverá o aire cálido cara ao leste, o que fará descender as temperaturas
Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2026
Segundo os datos remitidos por MeteoSalud e MeteoGalicia, e no ámbito do Plan de Actuacións do Goberno galego fronte aos posibles efectos das altas temperaturas, a Xunta dará por finalizada, a partir de mañá xoves, a alerta por episodio de calor que mantiña na zona isoclimática de Valdeorras.
Segundo a previsión de Meteogalicia, a partir de mañá, xoves, a progresiva entrada dunha masa de aire de orixe atlántico moverá o aire cálido e seco que tivemos o pasado domingo cara ao leste da Península Ibérica. Isto fará que as temperaturas vaian en progresivo descenso en toda Galicia. Este descenso comezará a notarse hoxe principalmente nas comarcas atlánticas e irase desprazando cara ao interior entre mañá xoves e o venres.
O mapa da Dirección Xeral de Saúde Pública, xunto coas recomendacións e o Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas está dispoñible nesta ligazón.
Para elaborar o mapa de riscos para a saúde provocados polas altas temperaturas, a Consellería de Sanidade ten en conta os datos rexistrados por Meteogalicia e por Meteosalud.
Meteogalicia ten en conta as temperaturas máximas e mínimas diarias e tamén se se superan os límites establecidos para que poida ter lugar un episodio de calor. Pola súa banda, Meteosalud realiza os seus cálculos de acordo á análise das series temporais de temperatura e mortalidade tendo en conta os datos rexistrados nos últimos 20 anos.
Para anticiparse aos posible efectos das altas temperaturas na saúde da poboación galega, a Consellería de Sanidade ten en conta os niveis de alerta de ambos os sistemas co obxectivo de establecer un nivel de alerta de acordo aos seus datos. Xa que logo, a información que conteñen estes tres mapas responde a diferentes parámetros, motivo polo que poden non coincidir.