Rueda destaca que a Xunta traballa xa no primeiro Catálogo do patrimonio cultural do litoral tras o acordo histórico para que Galicia asuma a xestión directa da súa costa
Estará aprobado “no último trimestre” do ano e busca inventariar bens, elementos etnográficos e edificacións públicas e privadas na franxa costeira e fixar os seus usos
O presidente salienta que o Estado vai transferir a Galicia “36 postos de traballos, 11 vehículos e 1,2 millóns de euros anuais” para facer efectiva a plena autoxestión
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático anuncia que se impulsará un Pacto galego polo litoral co para converter a costa galega “nun exemplo de dinamismo económico sostible”
O Goberno galego prevé aprobar o decreto regulador do Foro do Litoral o próximo verán e as Directrices de ordenación do litoral, no último trimestre do ano
Santiago de Compostela, 14 de abril de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe que a Xunta “aprobará no último trimestre deste ano” o Catálogo do patrimonio cultural do litoral Galicia, unha das primeiras medidas que impulsará ao abeiro da Lei de ordenación e xestión do litoral tras formalizarse o traspaso a Galicia dos servizos, medios e funcións necesarios para que a comunidade poida asumir a xestión plena e efectiva da súa costa.
Cinco días despois de que o Goberno central e a Xunta rubricasen en Santiago o acordo histórico sobre as transferencias á comunidade pendentes neste eido, o Consello foi informado hoxe da folla de ruta a seguir nos vindeiros meses para activar, na práctica, o desenvolvemento das competencias galegas sobre a xestión e a ordenación do litoral.
Rueda explicou que o acordo se fará efectivo “a partir do 1 de xullo”, pero que o Goberno central “irá transferindo previamente e de forma progresiva medios e recursos”. O traspaso implica que o Estado ceda a Galicia “36 postos de traballo, 11 vehículos e 1,2 millóns de euros” para avanzar na plena autoxestión do litoral. A isto haberá que sumar “documentación e expedientes desta área” que non se poderán cuantificar ata que se faga efectiva a posesión da competencia.
Neste sentido, cómpre subliñar tamén que a concesión dos títulos para a ocupación e uso do dominio público marítimo-terrestre (DPMT) é unha das funcións executivas que ten estatutariamente atribuídas Galicia pero, para poder exercelas de forma efectiva e directa, tiña que dispoñer dos medios persoais e materiais necesarios para asumir este tipo de funcións.
Por este motivo, a Xunta estivo anos reclamando estas transferencias ao Goberno central co obxectivo de completar o autogoberno sobre a súa franxa costeira, un argumento que se viu reforzando en abril do ano pasado tras recibir o aval do Tribunal Constitucional á lei do litoral galega.
Calendario de medidas
Partindo do enfoque da propia lei —que aborda a costa desde unha tripla perspectiva: ambiental, social e económica—, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático presentou un calendario de medidas concretas a impulsar e executar este ano, coa colaboración e apoio doutros departamentos da Xunta, así como os pasos para dar desde o punto de vista da organización administrativa e da participación que se quere garantir neste eido debido á súa transcendencia. “Galicia é a única comunidade cunha lei integral sobre este ámbito, un recoñecemento da marca Galicia Calidade que se estende tamén ao noso litoral”, indicou Vázquez.
En concreto e comezando por aquelas que xa están actualmente en marcha, cómpre destacar a aprobación do primeiro Catálogo do patrimonio cultural do litoral de Galicia, cuxos traballos técnicos están iniciados.
Tal e como explicou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, como punto de partida tomouse un inventario realizado pola Xunta no ano 2019 e no cal se recollen 459 bens, elementos etnográficos e edificacións de carácter público e privado (muíños, antigas salazóns, conserveiras...) que serán agora analizados desde a perspectiva da Loxilga e logo de informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
O obxectivo é dignificar este patrimonio litoral, de enorme valor e distintivo de Galicia, e que no catálogo definitivo —que deberá aprobar o Consello— se identifiquen todos os bens seleccionados, con indicación da área do litoral en que se atopan, se xustifique a súa incorporación e se concreten os seus usos, tanto os orixinais como os que a futuro poidan ser compatibles coa súa localización. “Usos que non poñan en perigo os seus valores culturais”, precisou a conselleira.
Paralelamente, a Xunta seguirá avanzando no desenvolvemento dos órganos administrativos de organización e de coordinación previstos na propia norma así como nos distintos instrumentos de ordenación que permitirán abordar a toma de decisións.
Así, impulsará un pacto galego polo litoral, unha iniciativa estratéxica “para converter a costa galega nun exemplo de dinamismo económico sostible”, segundo explicou a conselleira. Con el farase un chamamento ás forzas políticas, ao sector produtivo, ao ámbito académico e á sociedade galega en xeral a sumarse a esta iniciativa transformadora e que situará a Galicia como referente europeo en gobernanza costeira desde unha perspectiva integral.
Tras pecharse o período de consulta pública das Directrices de ordenación do litoral (DOL) o 31 de marzo, na actualidade estase redactando o documento inicial co obxectivo de telo finalizado e sometelo a aprobación no último trimestre de 2025. Cando estean rematadas as DOL, como marco xeral de referencia para a redacción dos restantes instrumentos, abordaranse os plans de ordenación costeira e de ordenación mariña.
Ademais, este verán prevese aprobar tamén o decreto regulador do Foro do Litoral de Galicia (órgano colexiado de participación, asesoramento e consulta integrado por administracións públicas, universidades, organismos científicos, sectores produtivos e entidades ambientais) e nos vindeiros meses convocarase tamén a Comisión interdepartamental de coordinación do litoral, constituída o pasado mes de outubro coa misión de elaborar e aplicar os distintos instrumentos de ordenación da Loxilga.
Por último, no eido do desenvolvemento normativo o Goberno galego regulará un novo procedemento integrado e único para todas as autorizacións administrativas e os títulos habilitantes do litoral, ao tempo que modificará o decreto que regula as autorizacións na zona de servidume de protección co fin de adaptalo ao contido da norma.
Primeira comunidade en regular a costa en toda a súa extensión
Coa aprobación en xullo do ano 2023 da Loxilga, Galicia converteuse na primeira comunidade en regular por lei o litoral en toda a súa extensión, é dicir, incluíndo tanto a zona terrestre e intermareal como a área mariña ata as 12 millas náuticas. O obxectivo, en definitiva, é poder abordar a regulación da costa e dos usos que se desenvolven nela dunha forma integrada e por parte de quen mellor a coñece.
Neste sentido, Rueda lembrou que a comunidade galega ten a costa máis extensa de España: algo máis de 2.500 quilómetros, contando o perímetro costeiro pero tamén illas, illotes, marismas e areais. Unha realidade xeográfica que a diferencia doutras comunidades e explica por que o seu modelo produtivo e forma de vida estiveron historicamente ligados ao mar e, por tanto, requiren criterios e regulacións específicos.
A conselleira, pola súa banda, indicou tamén que esta lei permitirá levar a cabo a xestión de “1,6 millóns de hectáreas” marítimas e terrestres en “86 concellos” que concentran “ao 58% da poboación galega”, é dicir, 1,5 millóns de persoas.