A Xunta licita por preto de 55.000 euros o deseño e desenvolvemento dun videoxogo para a poboación escolar con contidos sobre soporte vital básico

O proxecto enmárcase na concesión á Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS), por parte do Instituto de Saúde Carlos III, dunha subvención para a realización dun proxecto de investigación sobre formación dos escolares en soporte vital

As empresas interesadas teñen ata o 28 de abril para presentar as súas ofertas

O contido, a narrativa e a dificultade do xogo deben estar deseñados para ser accesibles e comprensibles para nenos e nenas de diferentes idades

O adxudicatario deberá ter un mínimo de seis anos de experiencia no deseño e desenvolvemento de videoxogos ou proxectos de realidade virtual, cun enfoque preferente en xogos educativos ou de saúde

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2025

O Portal de Contratos Públicos de Galicia publicou, a través da Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS), a licitación do deseño e desenvolvemento dun videoxogo con contidos sobre soporte vital básico, adaptados á poboación escolar.

O importe da licitación ascende a 54.934 euros e as empresas interesadas teñen ata o 28 de abril para presentar as súas ofertas.

Este contrato ten por obxecto crear un videoxogo interactivo e atractivo que ensine aos nenos e nenas conceptos e técnicas esenciais de soporte vital básico, incluíndo reanimación cardiopulmonar, manexo de emerxencias e primeiros auxilios.

O videoxogo deberá ser compatible con dispositivos móbiles e tabletas que utilicen sistemas operativos Android e iOS, coa posibilidade de adaptarse nun futuro para dispositivos de realidade virtual.

Así mesmo, o contido, a narrativa e a dificultade do xogo deben estar deseñados para ser accesibles e comprensibles para nenos e nenas de diferentes idades.

Todo o contido relacionado co soporte vital debe ser validado por expertos na materia, asegurando a súa precisión e eficacia pedagóxica.

O adxudicatario deberá ter un mínimo de seis anos de experiencia no deseño e desenvolvemento de videoxogos ou proxectos de realidade virtual, cun enfoque preferente en xogos educativos e/ou de saúde.

O videoxogo debe integrar diversas funcionalidades que aseguren unha experiencia de aprendizaxe efectiva, atractiva e adecuada para a audiencia infantil. Deste xeito, debe contar cunha historia central que guíe aos xogadores a través de diferentes escenarios relacionados con emerxencias médicas e soporte vital.

Ademais, a narrativa debe ser atractiva, utilizando personaxes carismáticos e situacións comprensibles para nenos e nenas. Os xogadores seguirán a un protagonista infantil que aprende sobre soporte vital ao longo do xogo.

FIDIS, referente

A Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS) é referente na xestión especializada e a promoción da investigación na contorna sanitaria, actuando como soporte dos diversos grupos de investigación en todas as fases da cadea de valor da investigación biomédica en particular e da área de saúde en xeral, ofrecendo asesoramento, apoio, seguimento e soporte para a xestión de recursos.

A realización deste videoxogo enmárcase na concesión ao FIDIS dunha subvención, por parte do Instituto de Saúde Carlos III, destinada a proxectos de I+D+I en saúde, para a realización do proxecto de investigación denominado “Formación dos escolares en soporte vital: deseño e avaliación de novas estratexias docentes e metodolóxicas innovadoras e interactivas adaptadas á poboación infanto-xuvenil”, do que é investigador principal Santiago Martínez Isasi, formando parte do Grupo de Investigación en Simulación, Soporte Vital e Coidados Intensivos (SICRUS).

Entre os traballos que se realizarán co mencionado proxecto atópase o deseño e desenvolvemento deste videoxogo con contidos relativo ao soporte vital e adaptados á poboación diana escolar.

Data de actualización: 15/04/2025