O Servizo Galego de Saúde publica a relación provisional das listas de selección temporal de 10 categorías de persoal estatutario

Resultaron admitidos 24.130 aspirantes

A categoría con maior número de admitidos foi a de celador (13.632), seguida pola de técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico (2.826)

O 10,62% foron novas inscricións realizadas despois da data límite de presentación do anterior proceso

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se dá a coñecer a relación provisional coa orde de prelación e a puntuación obtidas polos aspirantes admitidos no proceso de elaboración das listas de selección temporal de dez categorías de persoal estatutario. 

En concreto: celador; celador quenda discapacidade intelectual; técnico en farmacia; técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía; en dietética; en documentación sanitaria; en hixiene bucodental; en imaxe para o diagnóstico; en laboratorio de diagnóstico clínico e en radioterapia.

Resultaron admitidos un total de 24.130 aspirantes: 13.632 en celador; 316 en celador quenda discapacidade intelectual; 2.254 técnico en farmacia; 892 en anatomía patolóxica e citoloxía; 528 en dietética; 428 en documentación sanitaria; 691 en hixiene bucodental; 2.199 en imaxe para o diagnóstico; 2.826 en laboratorio de diagnóstico clínico e 364 en radioterapia.

O 10,62% foron novas inscricións realizadas despois da data límite de presentación do anterior proceso. Especificamente, por categorías: 1.201 en celador; 7 en celador quenda discapacidade intelectual; 144 técnico en farmacia; 114 en anatomía patolóxica e citoloxía; 40 en dietética; 14 en documentación sanitaria; 31 en hixiene bucodental; 744 en imaxe para o diagnóstico; 403 en laboratorio de diagnóstico clínico e 222 en radioterapia. 

As listas atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), no apartado Emprego Público-Listaxes de persoal estatutario. Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos. 

As persoas interesadas poderán presentar reclamación ante as xerencias das áreas sanitarias e as direccións con competencias na xestión de persoal das entidades adscritas á Consellería de Sanidade no prazo de dez días hábiles, ata o 25 de agosto.

Próximas publicacións

Mañá mércores, 12 de agosto, o Servizo Galego de Saúde publicará as listas provisionais das seguintes categorías: auxiliar administrativo, persoal de servizos xerais, cociñeiro e pinche. 

Data de actualización: 11/08/2026