A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, deu a coñecer hoxe o proxecto a representantes veciñais e de Stop Accidentes

A Xunta investirá 1,16 M€ na mellora da seguridade e accesibilidade peonil na AC-542 en Infesta, no concello de Betanzos

 A actuación desenvolverase no treito inicial de 2,4 km da vía, e prevé a habilitación dun itinerario peonil continuo e accesible, e abordará varias actuacións de mellora de seguridade viaria, especialmente nas interseccións 

Destacan actuacións singulares como a nova glorieta do enlace da AC-542 coa N-VI, o novo acceso ao centro Pai Menni, a mellora da accesibilidade peonil na travesía de Infesta e a ampliación do paso superior da pasarela sobre a vía do ferrocarril

Allegue destacou que o proxecto incorpora as propostas do proxecto desenvolvido por Stop Accidentes no centro Pai Menni, de atención a persoas con discapacidade, no marco do convenio de colaboración que a Xunta mantén coa asociación 

O deseño inclúe tamén suxestións trasladadas polos veciños de Infesta

O proxecto, cuxas obras terán un prazo de execución de 12 meses, sométese a información pública ata o 3 de xuño

Betanzos (A Coruña), 16 de abril de 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, deu a coñecer hoxe en Betanzos o proxecto para mellorar a seguridade e accesibilidade peonil na estrada AC-542, ao seu paso por Infesta, que contará cun investimento de 1,16M€.

A conselleira reuniuse no centro Pai Menni de Betanzos con representantes do colectivo Stop Accidentes e tamén con veciños de Infesta para explicarlles esta actuación, que recolle suxestións de ambos colectivos. No caso de Stop Accidentes, este proxecto impulsouse no marco do convenio de colaboración que a Xunta mantén copa asociación para o impulso de novas medidas en defensa da seguridade viaria. 

Máis en concreto, o proxecto incorpora as propostas xurdidas na experiencia piloto que Stop Accidentes levou a cabo neste centro Pai Menni, destinado a persoas con discapacidade, e cuxo persoal e usuarios trasladaron as súas necesidades neste ámbito. 

As intervencións previstas tamén incorporaron suxestións trasladadas polos veciños de Infesta, sendo nalgúns casos coincidentes coas transmitidas polo centro Pai Menni, e noutros casos complementarias.

Allegue subliñou que para a Xunta, “é unha obriga poñer todo o esforzo en manter e mellorar as condición das nosas estradas para garantir unha circulación segura, tanto de vehículos coma de peóns” e resaltou a importancia de que “todos esteamos aliñados nunha materia tan importante e tan sensible coma é a seguridade viaria”. Neste senso, destacou o convenio de colaboración da Administración autonómica con Stop Accidentes e o “traballo conxunto” desenvolvido.

A través deste proxecto, a Xunta creará un itinerario peonil continuo, accesible e seguro ao longo de 2,4km da AC-542, e desenvolverá varias actuacións de mellora de seguridade viaria ao longo do treito, especialmente nas interseccións. 

Tras a publicación hoxe no DOG do anuncio da información pública, poderanse presentar suxestións ata o 3 de xuño.

Actuacións singulares

Das intervencións proxectadas, cómpre destacar catro actuacións singulares: a creación dunha nova glorieta do enlace da AC-542 coa N-VI, a habilitación dun novo acceso ao centro Pai Menni, a mellora da accesibilidade peonil na travesía de Infesta, así como a ampliación do paso superior da pasarela sobre a vía do ferrocarril, na que se recolle a ampliación sobre a vía férrea existente no PK 1+980, para dar cabida ao itinerario peonil continuo e accesible.

Prevese ademais un cambio de sentido, con carril central de espera, nos puntos 0+860 a 0+910, para substituír os xiros á esquerda que actualmente se permiten no acceso do punto 0+670, e o semáforo que os regula; o que implica  reconfigurar o carril central para vehículos lentos existente entre os puntos quilométricos 0+670 e 1+060.

Por outra banda, mellorarase a visibilidade do acceso existente no punto 0+670, despexando o marxe esquerdo da curva situada entre os puntos 0+670 e 0+770 e restrinxindo o aparcamento de vehículos no entorno do acceso existente na súa marxe dereita no quilómetro 1+420, mellorando a súa visibilidade.

Ademais, acondicionarase o cambio de sentido situado no punto quilométrico 1+650, marxe dereito, para mellorar a súa configuración física e a súa sinalización, ao tempo que se lle da continuidade aos itinerarios peonís. 

Na intervención incluirase a colocación de refuxios do transporte público, e adaptación dos existentes sobre as beirarrúas.

Os traballos incluirán o reforzo da sinalización vertical, especialmente ca velocidade e advertencia de perigos e análise de medidas de calmado de tráfico.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/04/2025