O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o presidente da Fundación, Eladio Fernández Pérez, veñen de asinar o acordo de colaboración

O Servizo Galego de Saúde e a Federación Galega de Asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual colaboran na realización de actividades de sensibilización e mellora da comunicación

A colaboración abrangue o programa Aténdeme-Enténdeme, que consiste en visitas programadas aos centros de saúde dunha selección de persoas con discapacidade intelectual na que poderán trasladar as súas necesidades aos equipos de atención primaria

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o presidente da Federación galega de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento (Fademga Plena inclusión social), Eladio Fernández Pérez, asinaron un convenio de colaboración para a realización de actividades de sensibilización e mellora da comunicación e promoción da saúde mental das persoas con discapacidade intelectual no sistema sanitario público de Galicia.

Entre as actuacións que se desenvolverán no marco desta colaboración está o programa Aténdeme-Enténdeme, consistente en visitas programadas aos centros de saúde dunha selección de persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, acompañadas dun familiar e un profesional de Fademga. 

Durante as visitas, transmitirán aos membros dos equipos de atención primaria as súas necesidades, así como algunhas ferramentas para mellorar as habilidades dos profesionais na comunicación e a promoción da saúde mental coas persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.

Tamén se realizarán accións de análise e avaliación da accesibilidade cognitiva en centros sanitarios.

Pola súa parte, o Servizo Galego de Saúde porá á disposición as instalacións e os medios axeitados para o desenvolvemento das actividades do programa Aténdeme-Enténdeme ou outras coa mesma finalidade.

Así mesmo, o departamento sanitario galego favorecerá a creación de espazos de diálogo e sesións conxuntas entre profesionais dos equipos de saúde mental e profesionais dos recursos sociosanitarios, coa fin de compartir información e coñecemento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/04/2025